Os blogues do xogo en liña Xaque ao virus recibiron máis de 53.000 visitas en sete días

venres, 24 de abril do 2020 S. P.

O Concello da Coruña vén de facer balance da actividade xerada polo xogo en liña Xaque ao virus e máis os seus sitios na Rede, recursos lanzados para facer fronte común, a base de lecer e talento, contra a adversidade do confinamento e da pandemia. Segundo fixo saber o Goberno local, os ditos blogues recibiron 53.602 visitas entre os días 13 e 19 de abril. No estudo feito para valorar esta proposta de lecer virtual tamén se fai saber que no devandito treito de tempo expuxéronse ás familias un total de 27 desafíos.
As familias puideron participar respondendo a calquera a dous tipos de probas (Corpo en Forma ou Mente en Forma) ou a ambas, se así o desexaban. O reconto mostra unha lixeira maioría de participación en Mente en forma, cunha taxa do 53%.
Ademais contabilizáronse 121 participacións en 12 vídeo-chamadas realizadas aos seguintes colexios: Manuel Murguía, Mª Barbeito, Mª Pita , Ramón de la Sagra, Rosalía de Castro, Sal Lence, San Pedro de Visma e Ntra. Sra. do Rosario.
O xogo
O xogo Xaque ao virus consiste na superación de diferentes retos semanais para conseguir unha serie de puntos ou antivirus necesarios para derrotar á COVID-19 e avanzar postos na clasificación xeral. Os desafíos son probas sinxelas a superar para acumular puntos para cada colexio das e dos participantes. Os retos publicaranse no blogue do xogo creado para cada colexio, os luns, mércores e venres ás 12:00 h.

PUBLICIDADE