Os blogs potencian a vida social, segundo un estudo

martes, 4 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Un blog xa non é simplemente un espazo web onde lanzamos mensaxes e as recibimos. Para moitas persoas semella que son cada vez máis un xeito inmellorable de comunicarse. Ou sexa: para os seareiros da música, unha maneira de atopar persoas cos mesmos gustos; para os escritores que non publican, un xeito de facelo; e para os tímidos: mesmo unha forma de coñecer xente na vida real. Con todo, que ninguén pense en milagres: do mesmo xeito que facemos amigos con facilidade, podemos incrementar con moito o número de persoas que nos odia. Son cousas da Rede.
O caso é que os que defenden o poder terapéutico da blogosfera xa teñen o seu estudo. Vén da man da Universidade de Tecnoloxía de Swinburne, Melbourne, e sinala co dedo algo que xa se sabía, pero achegando o toque científico: os blogs melloran a vida social.
En definitiva, que os responsables deste informe non pasarán á historia precisamente por terse mollado, pero o que contan ten o seu aquel de interese para os internautas que están a piques de manter un blog: que saiban que o devandito estudo asegura que as bitácoras supoñen unha gran achega de ledicia e satisfacción persoal, amais de conexión co resto da sociedade (bitacoreira, enténdase). Por certo que as enquisas realizadas para a obtención do informe (podemos velas en Baquia.com) semellan tan científicas coma coñecer a dirección dos ventos a través do método do dedo mollado.
Na imaxe, o kit do blogueiro M-C en Flickr.

PUBLICIDADE