Os blogs comezan a influír de xeito decisivo no consumo

venres, 13 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Onte falamos nesta mesma web do papel que están a xogar xa os blogs en países como Estados Unidos como cartas de presentación para os demandantes de traballo, ou ben (dende o punto de vista oposto) como ferramentas que facilitan a procura de fichaxes para as empresas. Porén, as funcións e posibilidades da blogosfera enléanse cada día coma unha árbore á que non paran de saírlle pólas. Por exemplo: as bitácoras poden xa variar sobre maneira o ritmo e as tendencias do consumor. Como é posible isto? Pois a resposta é ben sinxela: os internautas fíanse máis do que se conta nun caderno persoal, de ti a ti, có que se conta cunha clásica web comercial, sexa notoriamente dunha firma interesada ou non.
Deste xeito, segundo informa Zed Dixital, os blos xa son decisivos no consumo cotiá de 800.000 españois, o que representaría ó 44% dos lectores deste tipo de espazos web.
Entre outras cousas de maior ou menor interese, a investigación sinala que esta porcentaxe de usuarios estaría disposta a cambiar a súa marca cotiá se leran nas bitácoras algún comentario negativo. De feito, engade Zed, preto da metade dos 2.000 enquisados (usuarios de blogs de entre 14 e 54 anos) xa o fixeron nalgunha ocasión (tal é o poder dalgúns blogs especialmente reverenciados). Os motivos desta influenza sobre o consumo son variados e complexos, pero probablemente pasen polo feito de constituír (os blogs) o sistema de comunicación polo que moitos internautas devecían: máis preta, máis independente (polo menos, até o de agora, pero xa se están a rexistrar certos casos de apoio a empresas ou institucións a cambio de beneficios) e máis participativa.

PUBLICIDADE