Os biólogos galegos presentan un curso sobre o programa R aplicado ao seu traballo

xoves, 10 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia vén de anunciar a organización dun curso a distancia (a través da web) sobre estatística aplicada á bioloxía a través do emprego do programa aberto R, unha ferramenta especialmente axeitada para o desenvolvemento de estudos de investigación da máis variada complexidade. Segundo relata Mancomún facéndose eco de fontes de Colexio, a iniciativa ten como obxectivo achegar formación completa e accesible (de aí a elección da Rede como aula sen límite) que comparta a propia natureza do programa de software libre R: que se adapte ás necesidades de todas e todos os usuarios.
Encamiñado a biólogas/os e outras/os profesionais, a actividade (que tamén se dirixe a estudantes de últimos anos) xirará arredor de cuestións como a bioloxía de campo e sanitaria, facéndose especial fincapé nas vantaxes analíticas que R pon en xogo. Haberá un total de 51 horas lectivas.
As persoas interesadas deberán inscribirse antes do 26 de setembro. A selección de inscritos farase por rigorosa orde de recepción das solicitudes. A matrícula terá un custo de 50 euros para colexiados e estudantes de Bioloxía, e de 100 euros para non colexiados e outras titulacións.

PUBLICIDADE