Os autores da web galega dos cálculos de nómina afondan nas claves do seu éxito

martes, 15 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Calcularsueldoneto.com, web da que falamos hai uns días neste mesmo sitio, é se cadra o prototipo de espazo que cumpre unha finalidade ben concreta. Se entras nel, sabes ben o que alí procuras e non te paras a ollar a feitura. Dito doutro xeito: é igual de práctica ca unha calculadora, pero aínda máis especializada. A páxina recibe xa máis de 40.000 visitas ó mes de internautas cun posto de traballo que queren calcular datos da nómina ou de persoas que negocien un soldo para un novo emprego en cantidades brutas. Para Eduardo Sanín e Alexandre Pedrosa, os dous veciños de Pontevedra responsables desta iniciativa, o segredo do éxito reside precisamente na utilidade. Ou sexa: non é que apostes sobre seguro se fas algo que cumpra unha función interesante, pero digamos que andaches unha boa parte do camiño.
A páxina, que está accesible en galego, castelán e inglés, inclúe dúas seccións principais que coinciden cos servizos que ofrece: ofrecer soldo neto mensual ou soldo bruto anual. Por certo que tan específicas funcións tamén están a conseguir que apareza nos postos primeiros dos buscadores se incluímos os termos “calcular sueldo”. Neste aspecto, hai que botarlle a culpa a algo máis vello cá Web: o boca a boca.
-Como xurdiu unha proposta como Calcularsueldoneto.com? Que sacades vós de todo isto (xa que os servizos que ofreces son de balde)?
-A idea xurdiu observando que existían webs semellantes para facer o cálculo dos impostos e a seguridade social, pero que estaban incompletas. Sabiamos que, con certo traballo, poderíase facer unha web que chegar a un público máis amplo, recollendo circunstancias persoais menos habituais, pero sen deixar de lado a facilidade de uso da ferramenta. Deste xeito, o grande público podería calcular o seu soldo dunha maneira sinxela, mentres que aqueles que precisasen de introducir máis datos terían a súa oportunidade.
-Para quen vai orientada esta web, principalmente?
-A web www.calcularsueldoneto.com vai orientada a todas aquelas persoas en idade de traballar que desexen facerse á idea de canto supón mensualmente o soldo bruto que gañan. Está especialmente orientada para persoas que procuren traballo onde a negociación do soldo adóitase facer en cantidades brutas, de aí que teña a posibilidade de efectuar o cálculo inverso, isto é, poñer a cantidade neta mensual que se desexa gañar, e que a ferramenta devolva a cantidade bruta correspondente.
-Tendes pensado incorporar máis servizos nela?
-Actualmente estamos a traballar noutras webs que agardamos ter listas en breve. Concretamente, de cara á web do cálculo de soldo, temos pensado actualizala como mínimo anualmente, para cumprir a lexislación vixente.
-Onde está o segredo do éxito? Referímonos a iso de ter superado as 40.000 visitas ó mes, que é algo que non se consegue todos os días.
-Cremos que o principal é que se trata dunha ferramenta moi útil e moi sinxela de usar. A cantidade de xente susceptible de empregala é realmente grande, ó fin e ó cabo, aínda que ás veces pareza que non, hai moita xente que traballa neste país.
-Que é o que diferenza na Internet unha web apenas visitada dunha que xa aparece nos primeiros postos dos buscadores?
-Trátase de algo semellante á frase de “o diñeiro chama ó diñeiro”. Cando unha web é interesante... útil no noso caso, e a xente comeza a falar dela, sexa de boca en boca, por e-mail, en blogs, etc, a páxina comeza a escalar postos nos buscadores, e isto provoca aínda máis visitas e a fai máis coñecida. Hoxe en día, os buscadores en xeral, e principalmente Google, son o punto de entrada na Rede para todo o mundo, deste xeito, aparecer nos primeiros postos dos buscadores é vital para que a xente coñeza a páxina.
-Que outros proxectos tendes habilitado na Internet ou teñades pensado habilitar? Van seguir a mesma liña de utilidade e de accesibilidade?
-Actualmente contamos con varias calculadoras financeiras. O público obxectivo destas non é tan amplo coma na web do cálculo de soldo, pero consideramos que a xente que pode precisar destas ferramentas si que as considerará realmente útiles, entre outras cousas porque en todas tratamos que a facilidade de uso prime ante todo.
Dado o grande interese que ten a páxina do cálculo dos impostos en España, en breve lanzaremos unha web na que se pode realizar o mesmo cálculo pero para distintos países.
Sobre os autores
Calcular Soldo Net.com xa aparece nos primeiros postos dos buscadores Google ou Yahoo! Para comprobalo, só hai que incluír como termos de procura as palabras “calcular sueldo”. Detrás desta iniciativa están dous amigos de Pontevedra (Eduardo Sanín e Alexandre Pedrosa), interesados en habilitar recursos web con diferentes aplicacións financeiras. Un deles dirixe os seus esforzos ó fondo (cálculos, aplicacións) e outro en darlle forma (deseño, transformación de ideas en código binario). Eduardo, licenciado en Dereito e ADE, é o que se encarga de analizar os cálculos necesarios, e Álex, Enxeñeiro de Telecomunicación, é o que deseña as webs. O sitio que comentamos neste artigo comezou tendo 1.500 visitas ó mes, pero hoxe, como dixemos, superan as 40.000, un número maior cás que reciben consultoras nacionais da talla de AFI.

PUBLICIDADE