Os asistentes virtuais e outras formas de comunicación dixital co cliente, a exame este xoves en Compostela

mércores, 24 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD) afondará este xoves en Compostela nas claves para a atención do cliente no século XXI, claves que de xeito inevitable pasan por asumir as redes dixitais do coñecemento como ferramentas fundamentais de comunicación e promoción. A xornada, organizada en colaboración coas firmas Artificial Solutions e Elaboro, celébrase baixo o epígrafe O novo marketing, a venda e a asistencia multicanle.
Por certo que durante o desenvolvemento do encontro, no Hotel Porta do Camiño a partir das 9.45 horas, está previsto que ámbalas dúas empresas colaboradoras lles amosen ás firmas galegas as últimas tendencias en diálogo cos consumidores.
Entre as cuestións xerais tratar inclúense as seguintes: sistemas tecnolóxicos avanzados para a atención ao cliente (asistentes virtuais que son quen de responder de xeito concreto ás preguntas dos visitantes a unha determinada web e empregando linguaxe natural), o cloud computing, os contact centers ou as redes sociais. Por certo que a xuntanza contará coa participación do director de vendas de Artificial Solutions Iberia, Fernando Gallego, quen afondará no caso práctico de éxito empresarial de Anna, a asistente virtual da web de Ikea (na imaxe), desenvolvida pola compañía que representa.

PUBLICIDADE