Os armadores de Vigo renovan a súa páxina web

martes, 7 de marzo do 2017 Redacción

Ao abeiro do seu proxecto de renovación tecnolóxica, a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo, ARVI, vén de remodelar a súa páxina web. E fíxoo coa arela de “mellorar a imaxe da entidade coa axuda das novas tecnoloxías”, de xeito que que se permita a meirande interacción posíbel con todos os axentes involucrados na actividade pesqueira. A renovación da web arvi.org acompañouse do lanzamento dunha peza audiovisual que serve de recordatorio e explicación dos piares da cooperativa: innovación, cooperación, sustentabilidade e eficiencia.
Coa nova páxina buscábase por unha banda unha meirande marxe de comunicación cos axentes pesqueiros locais, galegos, estatais e internacionais. Por outra banda, fíxose un especial esforzo en optimizar a cuestión estética, “moito máis dinámica e de doada navegación”. Inclúe, como seccións principais, unha presentación de ARVI, un acubillo para contidos multimedia, un apartado para dar conta dos proxectos nos que traballa a cooperativa e unha sección adicada a impulsar a formación e máis o emprego. Asemade, estas seccións complétanse cunha pormenorizada relación de eventos e actividades formativas vindeiras, e tamén cun acubillo actualizado para descargas.

PUBLICIDADE