Os adolescentes españois admiten “non poder vivir sen Internet

venres, 29 de abril do 2011 Raquel Noya

Hai persoas aditas ao chocolate, persoas aditas ás compras, persoas aditas ao tabaco e cada vez máis tamén, persoas cunha certa adición ás novas tecnoloxías, e que admiten ser aditas a Internet. Segundo un estudo promovido polo Instituto da Muller (IM) sobre a fenda dixital de xénero na mocidade española, o 28,3 por cento dos estudantes de 3º de ESO aseguran que “non poden vivir sen Internet” e as mulleres en maior medida (32,4 por cento) ca eles (24,1 por cento). A investigación demostra, asemade, que segue a existir unha fenda no acceso diario das mulleres respecto dos homes, que é “do 15 por cento”, nove puntos porcentuais menos que en 2004. Practicamente todos eles, tanto homes como mulleres, conéctanse a diario ás redes sociais (nun 96 e un 92 por cento dos casos), porén hai unha diferencia no tipo de contidos que buscan en Internet. Desta maneira, as primeiras prefiren contidos culturais (58 por cento), ademais de sociedade e moda; e os segundos optan na súa maioría por buscar xogos (76,6 por cento), así como deportes e informática. Porén só pouco máis da metade (51,8 por cento) de todos os enquisados aseguran que “atopan na Rede o que lles interesa”; o 11 por cento recoñece que Internet “lles quita tempo para estar coa familia e cos amigos” e o 15,7 por cento cre “que pode ser perigoso para a súa seguridade”. Amais disto, o 50,2 e o 45,6 por cento respectivamente optarían por “cursar estudos de informática”, e un pouco menos de cada grupo, estarían dispostos a estudar tecnoloxía. Malia que se achega bastante a outros estudos máis especializados, o informe, que se pode ler con máis detalle en Galicia Hoxe, baséase en tan só 417 cuestionarios respondidos por estudantes de Galicia, Madrid, Castela e León, Cantabria e Andalucía polo que os resultados non son demasiado fiables.

PUBLICIDADE