Os actores e actrices da nosa terra renovan web no trinta aniversario da súa asociación (AAAG)

martes, 15 de decembro do 2015 Redacción

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) está a celebrar o seu trinta aniversario. Para festexalo e para que se vexa, a entidade vén de presentar a súa nova web no Salón de Teatro de Santiago. A maiores, fíxose público o remodelado Catálogo en liña da asociación e a súa base de datos dos Premios María Casares. A plataforma creouse en 1985, como lembraremos, para traballar a prol da profesionalización e a súa visualización dos intérpretes no sector teatral e audiovisual. As iniciativas acabadas de presentar responden todas a un obxectivo común: repasar a historia da asociación, “que non é outra que a historia do asociacionismo no sector teatral e audiovisual”, sinalou Vicente Mohedano, presidente da entidade, na rolda de prensa de Santiago, onde compareceu en compaña de Jacobo Sutil, director da AGADIC, e Isabel Blanco, delegada en Galicia da Fundación AISGE.

“En todos estes anos”, sinalou Mohedano, “a AAAG desenvolveu un traballo necesario a prol da dignificación de toda unha profesión, afondando na defensa dos dereitos laborais, na formación dos actores e actrices e tamén no recoñecemento do noso teatro creando os Premios María Casares, que o vindeiro ano chegarán xa a súa vixésima edición”, explicou o presidente da entidade, quen engadiu que na nova páxina web inclúense diferentes contidos para recuperar a historia da asociación, así como distintos vídeos co testemuño dalgúns dos fundadores do colectivo. Deste xeito, Mabel Rivera, Ernesto Chao, Gonzalo Uriarte, Luma Gómez ou Rosa Álvarez reviven ante a cámara a creación da AAAG, o nacemento do Centro Dramático Galego ou a negociación do convenio colectivo do teatro.

Como dixemos, todo isto acubíllase nun novo portal (anovado co apoio da AGADIC, a Deputación da Coruña e AISGE) que se suma ao dominio galego .gal e que se adapta a todo tipo de dispositivos, amosando un coidado especial en facer o máis doada posíbel a navegación e dando lugar a unha nova ferramenta que, como lembrou Mohedano, resulta “imprescindíbel como xanela ao mundo para comunicar a actividade da AAAG tanto aos socios coma á cidadanía”. O proxecto de coordinación da web estivo coordinada por Marta Horjales e Alberto Blanco, mentres que A Navalla Suíza encargouse de materializala.

Como indicamos, a páxina web da AAAG inclúe nesta nova versión un portal específico dos Premios de Teatro María Casares que, dende a súa creación en 1997, conforman “o gran escaparate da escena e unha celebración para todos os profesionais”, recordouse na presentación. Neste espazo específico atoparase unha ampla base de datos dos Premios, na que se recolle información de gran parte dos espectáculos presentados aos galardóns, as biografías dos galardoados co Premio de Honra Marisa Soto ou os Manifestos Galegos no Día Mundial do Teatro. Ademais, no portal dos María Casares inclúese por vez primeira unha ferramenta de votación en liña, de xeito que na vindeira edición (a vixésima dos galardóns) todo o proceso de selección desenvolverase a través da rede. “A idea era facilitar os procedementos”, sinalou a AAAG, “tanto para a organización coma para o censo de votantes, conformado por preto de 500 persoas entre socios e socias, gañadores e nomeados de todas as edicións, críticos, programadores e persoeiros destacábeis do mundo teatral”.

O Catálogo

A asociación anovou tamén o Catálogo en liña dos actores e actrices. Esta ferramenta, que impulsou a asociación dende 1990 na súa versión en papel, deu o chimpo á Rede en 2008. Ese ano, a entidade galega creaba o primeiro catálogo dixital de intérpretes de todo o ámbito estatal para o que contou co apoio da Fundación AISGE, entidade coa que a AAAG lembrou “ter mantido unha longa e estreita colaboración”. Agora, sete anos despois, a AAAG achega “unha ferramenta actualizada”, máis doada de compartir e máis axeitada para a visualización do traballo duns actores e dunhas actrices que poderán editar o seu propio espazo no catálogo, “sen intermediación e permitindo unha rápida actualización dos seus datos profesionais”.

Para quen queira afondar nas tres décadas de andaina da asociación e nas celebracións que se están a desenvolver, sinalar que hai un vídeo no YouTube no que se achegan entrevistas con algúns dos seus principais impulsores e representantes:

PUBLICIDADE