Os Xulgados de Betanzos contan cunha nova sala dixital

mércores, 4 de agosto do 2021 S. P.

Os Xulgados de Betanzos dispoñen dende esta tempada dunha nova sala cen por cen dixital que inclúe un sistema de vídeo-conferencia integrado con capacidade para proxectarse sobre unha pantalla e realizar gravacións xunto cos rexistros de son e vídeo. A transformación dos xulgados foi posíbel grazas a un investimento da Xunta de 30.000 euros.
Nunha visita ao inmóbel celebrada este 4 de agosto, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, explicou que “ao contar a nova sala cun sistema de vídeo-conferencia xa integrado, os Xulgados de Betanzos pasarán a ter 3 equipos de comunicacións avanzadas a distancia, o que permitirá liberar algún dos 2 aparellos móbiles actuais e levar a cabo un uso máis eficiente”.
A nova sala dixital, engadiu, dispón de cámaras de alta definición robotizadas e con zoom para axustar os planos, un posto de control para o seguimento das sesións e da gravación das vistas, unha pantalla para visualizar os contidos e outras melloras como o sistema de vídeo-conferencia. Complétase coa gravación de vistas con sinatura dixital eFidelius, que faculta a incorporación das gravacións dos xuízos ao expediente xudicial electrónico, xunto coa aplicación Séneca JC, para que o persoal xudicial poida controlar os equipos e seleccionar os distintos escenarios predefinidos durante as declaracións, mostra de probas ou vídeo-conferencias que se celebren na sala.
O director xeral engadiu que “Galicia xa ten en marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico grazas as medidas implantadas desde 2009 no proceso de dixitalización da xustiza a través do primeiro e o segundo Plan Senda da Xunta, impulsado pola axencia AMTEGA e Vicepresidencia, para dotar de novas tecnoloxías no ámbito xudicial na comunidade”. Tamén dixo que ao remate do ano o 85% das salas contarán con tecnoloxía dixital como é o caso desta en Betanzos e todas xa dispoñen con sinatura dixital para a gravacións de vistas.

PUBLICIDADE