Os Roteiros do Consello da Cultura Galega cinguen paisaxe, cultura e tecnoloxías

luns, 2 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Se as rutas de sendeirismo galego teñen xa valor natural e etnográfico de por si, este acada niveis especialmente altos de calidade e repercusión, individual e colectivamente, se esas rutas discorren por áreas vitais de xente á que admiramos, dos escenarios que deron acubillo aos mellores froitos da nosa historia e da nosa cultura. Esta posibilidade é a que nos achega dende hai anos o Consello da Cultura Galega a través dos Roteiros, unha aplicación web para explorarmos a identidade do noso país, as súas palabras, ao tempo que entramos en contacto cos seus grandes valores naturais.
Trátase, máis polo miúdo, de viaxes temáticas arredor do noso territorio, que contan co apoio das novas tecnoloxías da información e a localización co fin de tirarlles o máximo partido. A iniciativa, que conta co apoio de entidades como as fundacións Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Pondal, fornece á comunidade internautas dunha longa listaxe de temáticas a elixir (entre as máis recentes: Xentes e paisaxes de Álvaro Cunqueiro, Xeración Nós, Xeración das Festas Minervais, Rexurdimento, etc) e máis os devanditos Roteiros (Roteiro Xoán Manuel Pintos en Pontevedra, Cunqueiro nas Terras de Miranda, Cunqueiro en Vigo, Castelo en Pontevedra, Otero Pedrayo na provincia de Ourense).
O servizo, que nos facilita itinerarios para percorrer a pé ou en coche, apóiase en tres piares fundamentais: xeolocalización, multimedia, participación.
A proposta, desenvolvida polo CCG e a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, estreouse na Internet en 2009 con tres itinerarios vinculados aos grandes autores do Rexurdimento: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal. A listaxe de recursos tecnolóxicos e temáticos postos en xogo para complementar o servizo e mantelo actualizado foi incrementándose ao longo deste tempo con xanelas e vertentes 2.0, sendo a liña de partida o seguinte feixe de elementos: Google Maps para a representación de cada unha das rutas propostas, software libre, textos informativos, audio, vídeo, fotografías de calidade e coordenadas GPS.
Para os responsables da proposta, os destinatarios da mesma son principalmente as galegas e galegos que queiran afondar no coñecemento da súa contorna tirando proveito das máis avanzadas tecnoloxías. Amais disto, Roteiros tamén naceu cunha vontade de desenvolvemento local: dáse marxe para que tiren proveito da iniciativa entidades de todo tipo, dende asociacións de veciños até fundacións, entidades comarcais ou mesmo concellos. Con este compromiso, concibiuse Roteiros como unha plataforma aberta e flexible, suxeita a integracións noutros sitios web co gallo de impulsar o turismo de proximidade e o coñecemento do patrimonio local.

PUBLICIDADE