Os Reels gañan peso en Facebook

martes, 2 de maio do 2023 Marcus Fernández

A competencia con TikTok está a levar a que Meta reforce cada vez máis o vídeo en vertical, e ao igual que fan en Instagram, agora anuncian cambios en Facebook para potenciar alí os Reels facéndoos máis atractivos e que ofrezan unha experiencia máis persoal.
Facebook está a facer máis doado atopar Reels, de xeito que agora contan cun espazo destacado na navegación principal de Facebook Watch, de xeito que podemos navegar entre Reels deslizando o dedo cara arriba, ou sexa, que practicamente cun toque a aplicación de Facebook convértese nun clon de TikTok.
Para enriquecer esta experiencia tamén están a permitir que os usuarios poidan premer en novos botóns de ver máis e ver menos, para que o sistema vaia adaptándose aos nosos gustos. Para facer máis transparentes as recomendacións de Reels tamén se engaden etiquetas contextuais que explican o motivo polo que vemos certos Reels (por exemplo, porque lle gustaron a un amigo).

PUBLICIDADE