Os Premios de Internet 2012 xa teñen finalistas

martes, 15 de maio do 2012 Raquel Noya

O senado español acollerá os actos centrais do Día Mundial de Internet


O xurado dos Premios de Internet 2012 vén de facer públicos os finalistas da XIV edición deste prestixioso galardón, que establece categorías de Mellor web, Mellor empresa, Mellor iniciativa e Mellor comunicador, así como un premio á Traxectoria persoal, un premio proposto pola Asociación de Usuarios de Internet, que este ano recaeu en Francisco de la Torre, pola súa contribución a “posicionar a Málaga como a cidade intelixente número un de España, a través da iniciativa Malaga Valley”, afirman.
De entre as 680 candidaturas presentadas, os internautas cos seus votos (máis de 45.790) e os votos do xurado, fixeron finalistas a Eroski Consumer, RTVE á carta e TripAdvisor, na categoría de Mellor Web; a eDreams, Groupalia e SociosInversores, na categoría de Mellor Empresa; a Alberto Burguillo, Enrique Rodal e Manuel Moreno como finalistas de Mellor Comunicador e á Mellor Iniciativa sen ánimo de lucro optan a Fundación Alzheimer, Masdestacados 060 e Saregune.
O Xurado está formado por un elenco de profesionais do mundo das TIC, membros do Comité de Impulso da Oficina Técnica do Día de Internet, que decidirán os gañadores de cada categoría e que o farán público o vindeiro xoves ás 12:30 horas, nun acto que será retransmitido vía streaming a través da canle do Senado, sede central dos actos de celebración deste Día.
Previamente ao acto de entrega destes Galardóns terá lugar o xa tradicional Debate Plenario, Internet para o emprego e o emprendemento, que versará sobre como utilizar a Rede para innovar, xerar emprego e facilitar o emprendemento; e no que a cidadanía poderá aportar as súas reflexións ou propostas, valorar as publicadas por outros e animar o debate nas redes sociais a través do Muro da #innovacion e de Twitter.

PUBLICIDADE