Os Premios Torrente Ballester reforzan programa cultural, xurado e presenza nas redes

mércores, 26 de maio do 2021 S. P.

Os Premios Torrente Ballester, sobranceiros e prestixiosos galardóns literarios impulsados pola Deputación da Coruña, recibiron este mes de maio un importante impulso da entidade provincial para ampliar ramificacións, pegada e repercusión. Amais de incluír unha programación cultural propia e de recibir a incorporación do escritor Ignacio Martínez de Pisón (que formará parte do xurado deste ano e visitará A Coruña no mes de xuño para celebrar os 30 anos do premio Torrente que gañou coa novela Nuevo plano de la ciudad secreta), o certame incrementou a súa presenza nas redes sociais. O prazo para presentar obras orixinais ao premio en galego e castelán ficará aberto até o 15 de xuño.
O programa de actividades dos Premios Torrente Ballester estará coordinado por Susana Pedreira, o castelán, e Ramón Rozas, o galego.
O Torrente Ballester é o premio máis veterano dos que organiza a Deputación da Coruña e nas 32 edicións anteriores (convocadas de xeito ininterrompido desde o ano 1989) presentáronse máis de 12.500 obras orixinais remitidas desde Galicia, o resto do Estado e Latinoamérica.
Este ano, os xurados do Premio en galego e castelán reuniranse no Pazo de Mariñán e as obras gañadoras coñeceranse o día 10 de decembro.
“Animamos a todas as escritoras e escritores que teñan unha historia a que se presenten ao Torrente, un dos premios literarios con máis tradición e prestixio do país, cun premio económico moi importante de 12.000 euros para cada obra gañadora” , sinalou o deputado de Cultura, Xurxo Couto.
O Premio Torrente en Instagram
Ademais, este ano o Premio Torrente estará presente entre as comunidades lectoras de dous bookstagramers galegos, que suman máis de 50.000 seareiras e seareiros en Instagram: Xacobe Pato e Lorena Bembibre. “A través das súas contas difundirán todas as novidades do premio, as actividades que a Deputación programará entre xuño e decembro, sorteos para participar en encontros con autores e conversas literarias que anunciaremos nas vindeiras semanas”, adiantou Couto na presentación destas novidades celebrada este 25 de maio.
A Deputación da Coruña quere reforzar desta maneira a convocatoria do Torrente “co obxectivo de ir tecendo unha rede de espazos lectores que se formalizará en 2022 e co obxectivo de mostrar as obras gañadoras de todos os premios literarios que anualmente convoca a área de Cultura”.

PUBLICIDADE