Os Premios TIC Galicia recoñecerán, o 2 de abril en PALEXCO, as nosas mellores contribucións tecnolóxicas

mércores, 11 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

O Clúster TIC Galicia e a comunidade LaconNetwork organizan en abril, o día 2 no recinto PALEXCO da Coruña, unha nova edición dos Premios TIC Galicia, que se entregarán no transcurso do Startup Congress Galicia co obxectivo de distinguir, visualizar e reivindicar as máis destacadas contribucións tecnolóxicas das nosas empresas, entidades, organizacións e profesionais radicadas/os en Galicia.
Os galardóns, que veñen con nove categorías, tamén se dirixen a estimular e recoñecer “o labor de creación do empresariado, que, sentíndose comprometido coa creación e expansión do tecido produtivo baseado na Sociedade da Información en Galicia, crean produtos e servizos galegos que teñen na innovación e no uso das TIC a súa razón de ser”. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 25 de marzo de 2020 ás 23:59 horas.
A continuación, damos conta das categorías fixadas para esta edición dos galardóns.
· Premio Mellor Startup: Adicado a empresas galegas con menos de tres anos de constitución.
· Premio Mellor Proxecto Open Innovation: Adicado a entidades que implantaran as mellores solucións de software libre desenvolvidas por empresas galegas.
· Premio Mellor Campaña de Marketing Dixital: Adicado a campañas realizadas por empresas galegas baseadas en mercadotecnia dixital lideradas por unha empresa de medios online.
· Premio Mellor Proxecto de Innovación: Adicado a organismos, organizacións, asociacións, fundacións (públicas ou privada) que realizaran os mellores investimentos en innovación ou que realizaran internamente os mellores proxectos de innovación.
·Premio Mellor Produto Tecnolóxico: Adicado a entidades tecnolóxicas que desenvolveran un produto tecnolóxico que estea no mercado ou moi próximo a estar.
· Premio Mellor Internacionalización: Adicado a empresas que executaran os mellores plans de internacionalización.
· Premio Iniciativa TIC: Adicado a organismos, organizacións, asociacións, fundacións (públicas o privadas) que axudan na creación, lanzamento e/ou asentamento de empresas e/ou ao propio emprendedor.
· Premio Traxectoria: Que recoñece ás persoas (físicas) que se implican de maneira especial e con esforzo nas TIC galegas.
· Mención Especial - Premio Lacon Evanxelizador: Que recoñece ás persoas (físicas) que se implican na toma de conciencia sobre o seguinte feito: que en Galicia existe un gran sector que xira entorno a moi boas ideas coa innovación como base; ademais de organizar con excelencia algún dos eventos mensuais que se desenvolven ao longo de todo o ano en Galicia.

PUBLICIDADE