Os Premios Manuel Beiras recoñecerán o traballo a prol da nosa lingua por parte da Asociación PuntoGal

mércores, 10 de decembro do 2014 Redacción

Esta mañá a concelleira de Normalización Lingüística de Santiago de Compostela, María Corral, e o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, Evaristo Rodríguez Carracedo, deron a coñecer en rolda de prensa os gañadores da XV edición dos Premios Manuel Beiras, que entregaranse mañá mesmo ás 20:30 horas no Museo das Peregrinacións.
Como distinción especial este ano o xurado decidiu recoñecer o traballo da Asociación PuntoGal por facilitar a consecución dun dominio de primeiro nivel para os contidos galegos e en galego na Rede. Os membros do xurado consideraron a relevancia de contar cunha identificación na Internet que nos fará máis visibles como comunidade con trazos lingüísticos e culturais propios e de valor universal, á vez que facilitará a presenza no mundo da nosa actividades, dos nosos produtos e tamén das nosas empresas. Tamén recibirán cadanseu recoñecemento Conxelados José Bermúdez (polo uso continuado do galego) e Promove Consultoría e Formación (pola súa nova incorporación ao galego).
O xurado estivo presidido pola concelleira de Normalización Lingüística, María Corral, e integrado por: Evaristo Rodríguez Carracedo, vicepresidente da Cámara de Comercio; Gregorio Ferreiro Fente, da Secretaría Xeral de Política Lingüística; María Xosé Rodríguez Galdo, da Universidade de Santiago de Compostela, Miguel López Crespo, da Unión de Consumidores de Galicia; Belén Regueira Leal, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Xosé María Lema Suárez, da organización en defensa do idioma Prolingua; Lucía Rodríguez Fernández, de Pedra Salgada, empresa premiada na categoría de uso continuado na anterior edición; e Manuel Portas Fernández, distinguido tamén na anterior convocatoria. Os galardoados recibirán unha distinción consistente nunha escultura creada polo artista Acisclo Manzano.

PUBLICIDADE