Os Premios InLugo superan as previsións en número de candidatos

mércores, 4 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

O congreso InLugo semella ser un dos grandes eventos da tempada. Isto reflíctese non só no interese amosado polos internautas como asistentes potenciais, que os días pasados foron testemuñas dunha máis que estreita marxe de tempo para inscribírense (as prazas dispoñíbeis esgotáronse nunha hora e a organización, a Deputación de Lugo, anunciou que habilitará o salón de plenos para seguir as xornadas). Tamén se reflicte na alta cifra de candidatos aos Premios InLugo, que onte mesmo, a 24 horas para o peche de prazo de achegas, xa amosaba recórd de cifras: até medio cento de iniciativas e proxectos lucenses presentados.
O seu obxectivo será facerse con algúns dos galardóns que recoñecen o bo uso de Internet e das novas tecnoloxías en diferentes ámbitos. Estes premios, nacidos ao abeiro de Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #InLugo, distinguen tamén “o axeitado emprego das redes sociais”. Por certo que a Deputación de Lugo lembraba onte que a cifra de candidatos podería superar finalmente, con moito, o medio cento de achegas. De feito, o prazo fica aberto até as 20.00 horas deste mércores 4 de xuño.
Para participar unicamente é preciso cubrir o formulario dispoñíbel na web do encontro cos datos correspondentes ó noso nome, teléfono de contacto e correo electrónico. Tamén é posíbel engadir toda a documentación que consideremos relevante para que o xurado avalíe os méritos da nosa candidatura. As catro categorías do certame son as seguintes: Comercio, Lecer e Restauración; Educación e Formación; Cultura e Social; e Tecnoloxía.
Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, un xurado formado por membros da Deputación valorará as mesmas e elixirá ós gañadores en cada unha das categorías existentes. Os galardoados recibirán o seu premio o venres, 7 de xuño, no transcurso do congreso. Este consistirá nunha figura-galardón e un iPad mini de última xeración cedidos, de xeito totalmente gratuíto, pola compañía Telefónica.

info portfolio

PUBLICIDADE