Os Piratas galegos, cataláns e madrileños impulsan un portal P2P para a descarga de libros de texto

martes, 18 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Os libros soben de prezo, as familias teñen menos recursos e o IVE de produtos de uso común (como os cueiros, por exemplo) dispárase. Conclusión: quen máis quen menos xa está contra as cordas. Para botar unha man, os Piratas de Galicia, unidos aos seus correlixionarios de Madrid e Catalunya veñen de abrir un portal de descargas de libros de texto e outros materiais pedagóxicos. A iniciativa diríxese a pór de relevo un dato ben preocupante e a sensibilizar sobre a importancia de combatelo: un de cada tres escolares, este curso, non terá tódolos libros que se lles esixen. Polo de agora, o portal aínda está dando os primeiros pasos, e non hai moita cousa dispoñíbel na nosa lingua, pero a intención é ir enriquecéndoo con paso firme e sen pausa.
A web é, en si mesma, unha defenda do acceso á cultura e ao coñecemento sobre calquera outra consideración, xa que dende os Piratas, sexan do país que sexan, consideran que é “un requirimento indispensábel en calquera estado democrático”. A proposta ten metodoloxía de portal con ligazóns P2P, artellándose todo en base ás seguintes canles de acceso: material de primaria, secundaria e bacharelato. O proxecto Parents 2 Parents (así se fai chamar) foi unha realidade grazas á colaboración de Piratas de Holanda, República Checa e Serbia. O feito de que se basee en tecnoloxía Peer to Peer (o mesmo no que se basean eMule ou BitTorrent), permite, a través de portas abertas en cada computador, a compartición de arquivos entre persoas. Grazas a iso, din os Piratas, “o eventual bloqueo da páxina web por parte das autoridades, non poderá deter o acceso aos materiais”. O portal está aberto á participación, sendo como é o seu obxectivo a mellora da educación: unha arela colectiva. Así, calquera pode darse de alta na páxina e completala cos recursos que atope dispoñíbeis na Rede ou de creación de seu.

PUBLICIDADE