Os Óscar facilitaron un novo record en Twitter

luns, 3 de marzo do 2014 Marcus Fernández

En menos de 45 minutos a fotografía tomada durante a cerimonia dos Óscar bateu marca de rechíos en Twitter

A pasada noite a gala dos premios da Academia das Ciencias e das Artes Cinematográficas quixo facer historia, non só por ser a primeira ocasión na que a cerimonia puido seguirse en directo a través da Internet (de xeito oficial), senón tamén pola súa clara orientación ás redes sociais, que tiveron moita importancia durante toda a festa do cine, o que soubo aproveitar Samsung, compañía que aproveitou a ocasión para estrear o primeiro anuncio televisivo do seu GALAXY S5 e fixo que a presentadora Ellen DeGeneres armada cun GALAXY Note 3 propuxera a varios actores e actrices posar para unha auto-foto coa que bater marcas en Twitter, o que conseguiron en apenas 45 minutos, cando a imaxe superou o millón de rechíos (no momento de escribir estas liñas superaba os 2,4 millóns).

Pese a que no escenario Ellen DeGeneres fixese gala dun Samsung GALAXY Note 3, entre bastidores continuaba a facer uso do seu iPhone

Que a fotografía protagonizada por Jared Leto, Jennifer Lawrence, Meryl Streep, Ellen DeGeneres, Julia Roberts, Kevin Spacey, Brad Pitt, Angelina Jolie e Lupita Nyong’o conseguise tanto éxito, superando a fotografía da reelección de Barack H. Obama, non é algo que poida resultar moi sorprendente, pois contaba coa complicidade dunha audiencia televisiva millonaria, que veríase alimentada ao anunciarse que era o chío máis compartido da historia, de aí que sexa de agardar que consiga aínda un maior impacto nas vindeiras horas.
Pero algo que cómpre destacar é que estamos novamente ante un caso de uso patrocinado dun teléfono móbil que pode xogar en contra da compañía que está detrás, pois unha vez máis, apartada a figura pública dos focos, esta volve coller o seu iPhone para publicar máis fotografías en Twitter, deixando moi claras as súas preferencias e a pouca fidelidade que teñen os famosos aos produtos que promocionan.

Durante a cerimonia podía verse claramente o Samsung GALAXY Note 3 que empregou a presentadora para disparar a popular auto-foto


Primeiro anuncio televisivo do Samsung GALAXY S5

PUBLICIDADE