Os Nokia Lumia e Vodafone España afíncanse no sector aeroespacial

venres, 7 de xuño do 2013 Redacción

Os avións de Airbus Military, para cuxo desenvolvemento traballa Torsesa

Torsesa, compañçía de subministracións industriais (en especial no sector aeroespacial), vén de seleccionar os dispositivos Nokia Lumia, da man de Vodafone España, como os seus trebellos de comunicación corporativos. En concreto, a equipa profesional de Torsesa que arestora dispoña de servizos de voz e datos de Vodafone, contará cos terminais Nokia para o seu labor cotián, terminais entre os que salientan o Lumia 920, o Lumia 620 e o Lumia 610. O acordo asinado ramifícase tamén cara a integración de Office 365, “unha tecnoloxía que mestura os servizos dun servidor optimizado coa contorna de produtividade de Microsoft Office”, informa o devandito fabricante de móbiles.
E engade: “Coa implantación de Office 365, o persoal de Torsesa poderá trasladar á palma da súa man toda a información que precise, no intre en que o precise, e así acceder desde o seu móbil tanto a ficheiros de Word, como a Outlook, etc”.
Ao abeiro do acordo, os profesionais de Torsesa recibiron formación por parte de Nokia e de Vodafone España, para que desta maneira poidan tirar o máximo partido aos seus terminais. A través destas iniciativas, o 100% do persoal con plans de voz e datos para empresas de Vodafone empregará un smartphone Nokia Lumia “para poder ser máis produtivos en mobilidade”, explica o fabricante, que salienta a boa sintonía destes terminais co Office, “facendo que a mobilidade sexa un feito e achegando unha solución robusta de correo electrónico, amais de múltiples servizos que os fan realmente moi atractivos”.
Establecida en Sevilla desde 1982, Torsesa é unha empresa centrada no servizo de xestión integral de ferramentas e outros consumíbeis con fabricación de equipamentos personalizados e trazábeis, garantindo aos seus clientes a mellora dos fluxos de produción e unha forte redución dos custos operativos derivados. Salientar que entre os seus destinatarios está a compañía Airbus Military, incluíndose tódalas súas plantas.

PUBLICIDADE