Os Museos Científicos da Coruña encherán de visitas virtuais os festivos e as fins de semana

xoves, 4 de febreiro do 2021 Redacción

Os Museos Científicos da Coruña veñen de presentar un programa de visitas virtuais para o público xeral durante as fins de semana e os festivos. Segundo informaron, trátase de percorridos de balde de media hora polos “módulos máis emblemáticos e as exposicións” coa posibilidade de interactuar co persoal dos centros a través do vídeo e mais do chat.
Consiste tamén nunha medida para contrarrestar, con novas propostas abeiradas ao dixital, o peche actual das Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae por mor das complexas circunstancias sanitarias. Os itinerarios virtuais realizaranse por vídeo-conferencia, cunha conexión a través de Google Meet.
As persoas que reserven algunha das visitas recibirán unha ligazón para se conectaren co persoal de atención ao público que estará dirixindo a actividade desde o museo, co que ademais, como dixemos, poderán interactuar a través do vídeo ou do chat.
As dúas primeiras fins de semana de febreiro comezarase coas reservas de persoas titulares de tarxetas de entrada anual (Tarxeta Vente e Tarxeta Vente Mini) e membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.
As visitas que se ofrecerán son as seguintes:
Casa das Ciencias
-Exposición Puro Swing. Nesta visita, poderase asistir a sorprendentes demostracións sobre o movemento dos péndulos e comprender o segredo do botafumeiro, mirar como a gravidade realiza debuxos xeométricos ou descubrir como funcionaban os reloxos antes de que houbese pilas. Horario: 11.30, 13.00 e 17.00 horas.
Domus
-Laboratorio Aberto: Consistirá na disección en directo dun corazón. Horario: 11.30 e 17.00 horas.
-Bocados: Visitarase a exposición sobre nutrición e os obxectivos de desenvolvemento sustentábel e amosaranse experimentos relacionados con esta especialidade. Horario: 13.00 horas.
Aquarium
-Maremagnum: As persoas participantes pasearán virtualmente polos grandes acuarios, cos seus variados ecosistemas mariños, e achegaranse á vida intermareal na Charca das Caricias. Horario: 13.00 horas.
-Nautilus: Entrarase na sala máis espectacular do Aquarium, onde nadan os peixes de maior tamaño, como as quenllas, corvinas, douradas, robalizas e meros, e mais os bancos de xardas e xurelos. Horario: 11:30 e 17:00 horas.
Reservas
As persoas que desexen participar nalgunha destas visitas virtuais deben realizar unha reserva cubrindo un formulario online específico que se abrirá para cada fin de semana o luns anterior ás 10.00 horas e pecharase o xoves ás 20.00 horas. O venres pola mañá enviaráselles un correo de confirmación ás persoas que obteñan praza, xunto coa correspondente ligazón para a conexión.

PUBLICIDADE