Os Museos Científicos da Coruña achegan a natureza á rapazada a través de Xperimenta Virtual

mércores, 3 de marzo do 2021 S. P.

Os Museos Científicos da Coruña van achegar a natureza ás aulas de Primaria a través do proxecto Xperimenta Virtual, impulsado polos Museos e a Concellería de Educación. Poderá participar o alumnado de 3.º a 6.º de Educación Primaria de centros escolares da cidade. Farano a través dunha actividade na que disecarán flores coa axuda do persoal educativo da Domus, a través dunha vídeo-conferencia. O edil de Educación, Jesús Celemín, destacou a gran “capacidade de adaptación” dos museos científicos municipais pese á situación de pandemia.
O concelleiro convidou á comunidade educativa a participar nesta iniciativa "mediante a que os nosos museos científicos lles achegarán ás nenas e aos nenos coñecemento sobre a natureza" a través de obradoiros "prácticos e seguros".
A actividade, que é gratuíta e ten unha duración duns 45 minutos, realizarase a través de Google Meet. Para participar, é preciso realizar unha solicitude previa cubrindo o formulario de reserva habilitado na web do Concello da Coruña.
Os grupos escolares que teñan unha reserva para esta actividade recibirán previamente na súa aula unha caixa cos materiais necesarios e desinfectados (unha flor Lilium, tesoira, pinza, bandexa, cinta adhesiva etc.), para que cada estudante poida seguir as instrucións que lles irán facilitando desde a Domus. Ademais, o profesorado responsable de cada grupo participante recibirá un xogo creado especialmente para utilizar despois de cada actividade co seu alumnado.

PUBLICIDADE