Os Galaxy S7 e S7 edge comezan a actualizarse a Android 7.0

xoves, 19 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

A segmentación de Android é un problema moi criticado en Android, resultando especialmente molesta no caso dos meirandes fabricantes de dispositivos, que tenden a deixar abandonados aos seus usuarios en versións vella de Android, de aí que as grandes actualizacións tenden a ser benvidas, e finalmente os posuidores dos móbiles estrela de 2016, o Samsung Galaxy S7 e S7 edge comezan a recibir a actualización a Android 7.0, versión do sistema operativo promovido por Google lanzada hai 5 meses, e que incorpora novas características.
Coa actualización non só se recibe Nougat, senón que tamén mellora a velocidade de descarga de aplicacións e as actualizacións do sistema. O panel rápido coa actualización presenta unha estética máis limpa, as notificacións están agrupadas dun xeito máis claro (permitindo tamén responder directamente dende as notificacións), cóntase cun controlador mellorado para facilitar o axuste das fiestras en pantalla partida, estréase un modo de rendemento para incrementar os tipos de configuracións que facilitan o axuste do terminal en función de se queremos gozar de potencia ou autonomía e, a xeito de colofón, estréase Samsung Pass, característica que facilita o uso de certas páxinas web e aplicacións empregando a pegada dixital a xeito de contrasinal.
A actualización a Android 7.0 tamén chegará a dispositivos Galaxy S6, S6 edge, S6 edge Plus, Note5, Galaxy Tab A con S Pen, Galaxy Tab S2, Galaxy A3 e Galaxy A8 durante a primeira metade de 2017.

PUBLICIDADE