Os GALP galegos promoven unha escape room mariñeira para celebrar o Día dos Museos
mércores, 24 de febreiro do 2021
Para
celebrar o 18 de maio, o Día Internacional dos Museos, e facelo
ademais de xeito seguro, participativo, creativo e accesíbel, os
responsábeis do proxecto REMA (financiado polo Fondo Europeo
Marítimo de Pesca e promovido polos Grupos de Acción Local do
Sector Pesqueiro Galego, GALP), prepararon un xogo en liña en
formato escape room no que os colexios
participantes terán que resolver un misterio, seguindo unha serie de
pistas que atoparán de modo virtual en 27 museos pertencentes á
Rede de Espazos con contido Museístico Atlántico (REMA).
Os
cinco colexios que resolvan o reto nun menor tempo serán convidados,
o día 18 de maio de 2021, a un dos museos da Rede REMA, a competir
nunha escape room de temática mariñeira deseñada para a
ocasión, onde se decidirá quen é o mellor “equipo investigador
galego”.
O
obxectivo desta iniciativa, sinalan os responsábeis do proxecto, é
“promover a difusión do patrimonio mariñeiro atlántico europeo
entre os escolares de zonas costeiras galegas, a través do uso da
tecnoloxía e convidando a cada alumna e alumno a sacar o detective
que leva dentro”.
Os
centros interesados poderán realizar a súa solicitude ata o 28 de
febreiro a través da conta de correo rema360@redrema.eu. A
organización advirte que as prazas son limitadas. Para máis
información cómpre visitar a web do proxecto REMA
ou o
vídeo específico sobre a actividade subido ao Youtube.