Os Demo Days TFE da ESEI de Ourense xunta esta semana emprendedores e investidores

martes, 29 de novembro do 2022 S. P.

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense acolle esta semana (martes e mércores pola tarde, os días 29 e 30 de novembro), os Demo Days TFE, unha iniciativa encadrada dentro das actividades do proxecto transfronteirizo NOVA TFE (Novas Oportunidades de Negocio para Pemes Baseadas en Tecnoloxías Facilitadoras). O obxectivo desta actividade, aberta ás persoas interesadas, é “establecer sinerxías e contacto entre persoas emprendedoras e posíbeis investidores para impulsar ou relanzar proxectos empresariais”, explican os responsábeis do proxecto. Engadindo que estamos ante “un evento co cal impulsar ou acelerar un proxecto empresarial”.
Na xuntanza, as e os emprendedores levan a cabo unha presentación das súas propostas e iniciativas ou dos avances do seus proxectos ante un público de interese para eles en diferentes ámbitos. Así, nos dous días de programación van participar empresas de distintos ámbitos como a aeronáutica, arqueoloxía ou impresións 3D, para expor a súa experiencia e as súas propostas ante aqueles interesados nas mesmas, como poden ser posíbeis investidores, socios estratéxicos ou clientes, así como estudantes ou público en xeral.
Participarán empresas como Enercraft (empresa galega galardoada en 2021 como o mellor proxecto emprendedor durante os VIII Premios Galicia de Enerxía); Rediot (proxecto que ofrece solucións tecnolóxicas a medida relacionadas cos ámbitos das Cidades Intelixentes e a Internet das Cousas); Xesta Brava (iniciativa de propostas divulgativas innovadoras dirixidas á comunidade educativa e á sociedade); Bágoas Fóra (espazo virtual onde se une o tradicional da artesanía coa innovación educativa); F&H Asociados (empresa de arqueoloxía, consultaría e impacto ambiental) e MASQUE3D (empresa que traballa na divulgación da fabricación aditiva e impresión 3D).
NOVA TFE é un proxecto de cooperación transfronteiriza do Programa Interreg V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 que conta con financiamento FEDER, fondos europeos de desenvolvemento rexional. Nel participa un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo formado por investigadoras e investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática, das facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola de Enxeñaría Industrial. Ademais da institución académica, son socios do proxecto a Mancomunidade de O Salnés (líder da iniciativa), a Deputación de Ourense, a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e a Câmara Municipal de Valença (Portugal). O obxectivo principal deste proxecto é potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, mellorando a participación do tecido empresarial nos procesos de innovación nas actividades de I+D+I máis achegadas ao mercado. A iniciativa quere facilitar que a investigación aplicada relacionada coa Internet das Cousas (especialmente Cidades Intelixentes) e a fabricación avanzada sexan trasladadas ás pequenas e medianas empresas (menos urbanas) dos sectores máis relevantes do espazo transfronteirizo, involucrando directamente ao seu persoal en redes de intercambio e nos laboratorios de experimentación e prototipado.

PUBLICIDADE