Os Chromecast están a provocar problemas con algúns routers

martes, 16 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Ao redor de todo o globo están a detectarse incidencias provocadas por dispositivos con tecnoloxía Google Cast como o Chromecast e os altofalantes Google Home e que como consecuencia terían a caída de redes Wi-Fi en routers de fabricantes como Asus, Linksys, Netgear, TP-Link ou Synology. Os problemas poden ir dende unha breve desconexión da Rede até a perda total do acceso ao router.
Este problema detectouse inicialmente co router Archer C1200 de TP-Link, para o que lanzaron actualizacións para mitigar os problemas, e que segundo o fabricante debíase a que dos dispositivos causantes en vez de mandar paquetes de comunicación cada preto de 20 segundos para manter a súa conexión activa chegaban a mandar máis de 100.000 paquetes no momento que espertaban dun estado de repouso (ou sexa, que acumulaban as solicitudes e mandábanas de vez) o que nalgúns casos chega a provocar o fallo do router, incapaz de atender tantas conexións.
Tras darse a coñecer o problema, detectouse que dábase en moitos outros routers e con distintos dispositivos, de aí que Google xa respondese que está a traballar para solucionar o problema e compartir en breve a solución.

Aínda que inicialmente o problema parecía limitado a un router de TP-Link, finalmente apareceron varios routers de distintos fabricantes afectados

PUBLICIDADE