Os Bonos Corazón de Santiago estarán dispoñíbeis para a súa descarga a partir deste venres
xoves, 16 de novembro do 2023
A
concelleira
de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude,
María Rozas, presentou os detalles da nova convocatoria dos Bonos
Corazón, que poderán descargarse a partir das 9.30 horas deste
venres 17 a través da web bonoscorazoncompostela.gal.
Destínase a esta iniciativa de dinamización comercial un orzamento
de 433.000 euros. A principal novidade é que nesta ocasión só
haberá bonos de 50 euros, e cada persoa poderá adquirir un máximo
de tres. Como en edicións anteriores, o Concello achegará o 40% do
importe do bono.
María
Rozas explicou que a principal novidade da convocatoria é que haberá
un único tipo de bono por un importe de 50 euros, dos que o Concello
achegará 20 euros e a persoa beneficiaria os 30 euros restantes.
Cada consumidor ou consumidora poderá descargar un máximo de tres
bonos. A concelleira sinalou que "o obxectivo foi simplificar o
proceso e favorecer que os Bonos Corazón cheguen ao maior número de
persoas posible". Nese sentido, lembrou que o Goberno habilitou
unha partida de 433.000 euros para a convocatoria, o dobre do que
estaba inicialmente reservado nos orzamentos municipais prorrogados.
A previsión é que grazas aos Bonos Corazón se mobilice un millón
de euros en compras no pequeno comercio e na hostalería. “Se cada
persoa usuaria solicita o máximo de tres bonos, a convocatoria
chegaría a uns 7.200 consumidores e consumidoras”, dixo.
Os
Bonos Corazón poderánse utilizar ata o 22 de decembro, e o seu
funcionamento será idéntico ao de anteriores edicións. As
solicitudes realizaranse a través da dita web e os bonos terán
formato dixital a través dun código QR estarán dispoñíbeis para
a súa utilización na aplicación móbil Wallet. A responsábel
técnica do departamento de Comercio, Lucía Castro, explicou que os
bonos tamén se poden solicitar presencialmente previa cita a través
do enderezo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal ou no
teléfono 981 542 492. Desta maneira, apuntou, "trátase de
evitar a fenda tecnolóxica, pensando sobre todo na poboación de
maior idade".
Funcionamento
No
momento da compra, as persoas usuarias mostrarán o código QR para
realizar o pago, e o importe do bono irase reducindo ata o seu
esgotamento. Os bonos poderanse empregar nunha ou varias compras ata
o 22 de decembro, e a partir desa data os bonos non trocados
caducarán.
Os
establecementos interesados en sumarse ao programa dos Bonos Corazón
poden facelo ata o 4 de decembro. A convocatoria está dirixida a
negocios de comercio e hostalería, e no caso dos establecementos
comerciais establécese a condición de que a súa superficie de
venda será inferior aos 500 metros cadrados. “O obxectivo”, tal
e como explicou a concelleira María Rozas, “é que a convocatoria
beneficie fundamentalmente ao pequeno comercio local”.