Orange leva a súa fibra óptica até os 500 Mbps simétricos

luns, 28 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos meses desenvolveuse unha carreira por levar a fibra óptica aos fogares españois creando unha situación de competencia que normalizou as conexións simétricas no ámbito doméstico, situando o teito nos 300 Mbps, que Orange vén de rachar, anunciando hoxe o produto converxente Love Familia Total, que achega unha conexión simétrica por fibra óptica de 500 Mbps e un superbono de datos móbiles 4G+ de 24 GB (para compartir entre as distintas liñas do fogar), converténdose nunha oferta moi completa.
Love Familia Total ten un prezo de 129,95 euros/mes, e inclúe 3 liñas móbiles con chamadas ilimitadas e roaming na Unión Europea sen custo adicional, compatibles co servizo MultiSIM para poder aproveitar as condicións de chamadas e datos con até 4 dispositivos adicionais. Tamén será posible incorporar máis liñas con chamadas ilimitadas ao paquete por 18,95 euros/mes.
Esta nova oferta converxente de Orange inclúe unha ampla oferta de contidos televisivos, como o mellor fútbol (1ª e 2ª división da Liga, Copa do Rei, Champions e Europa League), canles temáticas, contidos á carta e a posibilidade de poder gozar desta oferta audiovisual en dispositivos móbiles dentro e fóra do fogar.
De xeito promocional, quen contrate agora Love Familia Total terán 3 meses de balde de Netflix en alta definición para até 2 dispositivos simultáneos (servizo que ten un prezo fóra de promoción de 9,99 euros/mes).

PUBLICIDADE