Orange escolle ás cidades de Santiago de Compostela e Vigo para probar o 5G

xoves, 25 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Ao longo de 2019 o operador Orange porá en marcha 35 escenarios de uso da tecnoloxía 5G en sete cidades españolas (Barcelona, Sevilla, Málaga, Valencia, Bilbao, Santiago de Compostela e Vigo) de xeito que Galicia será unha das comunidades autónomas privilexiadas á hora de experimentar con estas solucións de telecomunicacións de futuro, que en 2020 estará dispoñible comercialmente de xeito xeral.
Confíase en que o 5G supoña unha revolución no uso das redes móbiles, que pasarán de conectar a persoas a comunicar todo un ecosistema físico no que as persoas desenvolvan a súa actividade. Esta tecnoloxía que permite unha mellor banda larga móbil, gozar dunha latencia ultra baixa e conectar de xeito masivo numerosos obxectos aplicarase a procesos de robotización, ao turismo, aos vehículos conectados e incluso á educación, resultando de grande utilidade a realización de experiencias piloto antes de entrar na fase comercial, para así coñecer os atrancos que irán xurdindo e ir buscando solucións e avanzar en distintas áreas nas que será posible unha grande innovación ao aproveitar o potencial do novo escenario de conectividade.
Esta experiencia piloto de Orange está amparado por un programa de axudas da entidade Red.es dentro do Plan Nacional do Ministerio de Economía e Empresa.

PUBLICIDADE