Oppo chegará a España o 18 de xullo

martes, 10 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Dende primeiros de ano coméntase a posibilidade de que o fabricante chinés Oppo siga os pasos de Xiaomi contando con distribución oficial en España, e coa presentación do Oppo Find X confirmaron que este verán iniciarían o seu espallamento europeo, o que permitirá que o seu novo móbil estrela teña unha magnífica distribución no mes de agosto, que é cando procurará captar a atención do público coa súa proposta de frontal case sen marcos e cámaras retráctiles.
Pero non haberá que agardar a agosto para ver os produtos de Oppo nas tendas, senón que veñen de confirmar que o vindeiro día 18 iniciarán o seu desembarco español con dous terminais, o Oppo R15 Pro e o Oppo A3, que poderán adquirirse a través de Media Markt, Fnac, El Corte Inglés e Movistar a un prezo de 649 e 299 euros respectivamente, deixando claro que Oppo non busca ir polo mercado de gama baixa, senón que quere facerse un oco entre os móbiles de coidado deseño e elevadas prestacións, espazo no que resulta bastante complicado competir, xa que os usuarios tenden a confiar en marcas moi establecidas cando as cantidades a pagar son elevadas.
O Oppo R15 Pro é un móbil con pantalla de 6,28 polgadas cunha relación de aspecto de 19:9, ocupando o 89% do seu frontal, que ten unha pestana superior na liña do iPhone X, chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 660 con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento e, como principal aposta ten unha cámara dual traseira de 20 e 16 Mpíxeles (ambas con apertura f/1.7) e unha cámara frontal de 20 Mpíxeles con apertura f/2.0, apoiadas por intelixencia artificial para un enfoque mellorado (incluso para selfies). Tamén conta cunha batería de 3.430 mAh con carga rápida (que con 5 minutos de carga permite até 2 horas de conversa) e NFC para facilitar os pagamentos móbiles.
Pola súa banda o Oppo A3 é un móbil máis modesto, cunha pantalla de 6,2 polgadas (con pestana superior) cunha relación de aspecto de 19:9, procesador Helio P60, 4 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 16 Mpíxeles, cámara frontal de 8 Mpíxeles e batería de 3.400 mAh. Aínda que en especificacións estea bastante por detrás do seu irmán maior, é un móbil moi competente que ten un prezo moi inferior, polo que posiblemente teña unha mellor acollida.
O máis interesante da chegada de Oppo a España de xeito oficial será comprobar se o Find X consegue callar no mercado, pois sen dúbida é o smartphone máis revolucionario do ano, pero o seu prezo de 999 euros é un atranco moi importante a superar por parte de consumidores que descoñecen a marca Oppo (que, por outra banda, ten grande reputación nos mercados nos que estaba presente e incluso tivo durante bastante tempo unha tenda en liña oficial que atendía pedidos europeos).

PUBLICIDADE