Opinan que a Rede non é a solución á crise no comercio, pero pode ser o comezo da mesma

luns, 13 de maio do 2013 Redacción

Xa o temos dito en máis ocasións: o comercio a través de Internet e as súas ferramentas continúan medrando no eido estatal malia a crise. Cero que máis devagar que hai uns poucos anos, pero, segundo se contou no pasado Encontro de Grandes Comercios Electrónicos patrocinado por Webloyalty (e celebrado á vez que a cuarta edición do OME), amosando uns índices de abondo positivos como para confirmar confirmar a fortaleza do sector e as súas posibilidades de medre futuro. Na dita xuntanza, liderada polo fundador de Networking Activo, Emilio Márquez Espino, xuntáronse algúns dos profesionais máis representativos do sector.
Durante o encontro chegouse a conclusións sobre a necesidade de personalizar o produto e de clasificar e personalizar ao cliente. Segundo fixo saber Márquez Espino na súa intervención, “cómpre estudar detidamente quen é o noso comprador e analizar os datos reais de tráfico para, en función das conclusións obtidas, presentarlle un produto de acordo ás súas necesidades”. Así, dixo, é imprescindíbel engadir valor a aquilo que vendemos e diferenciarnos así do resto, pero segmentando o noso público. Os relatores reunidos no evento coincidiron, iso si, en que Internet non é en absoluto o arranxo de tódolos problemas que amosa o comercio en xeral (“non por estar na Rede os números volveranse azuis se a contabilidade está en negativo, nin tampouco unha tenda offline comeza a remontar se lle abren xanelas online”, dixeron). De feito, na xuntanza fíxose fincapé en que o investimento para unha actividade comercial en liña precisa dunha contía media de polo menos 30.000 euros, “polo que hai que descartar a idea de que os negocios en Internet son sempre un vieiro doado e sinxelo”. Unha vez sinalado isto, os expertos afrontaron os pasos a seguir se finalmente nos subimos ao carro do comercio electrónico: a innovación, engadir valor ao produto, buscar o nicho e non deixar de lado a utilidade e simplicidade da nosa web (sobre todo tendo en conta que cada vez máis o soporte móbil ten meirande protagonismo entre os usuarios). “O mercado español presenta previsións positivas e as compañías deben saber aproveitar estas oportunidades que ofrece o ecommerce penetrando nos hábitos de millóns de consumidores” afirmou Alexandre Cotigny, director xeral de Webloyalty en Europa.

PUBLICIDADE