Opera Mini 5.1 estrea versión final para Android

mércores, 14 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Tras varios meses en probas, o Opera Mini 5.1 estrea versión final para Android, de xeito que os usuarios de terminais co sistema operativo promovido por Google poden instalar este navegador web reducido que xa conta con máis de 61 millóns de usuarios en todo o mundo e que facilita a lectura de páxinas web en pantallas de tamaño reducido á vez que reducen o volume de transferencia de datos dende o móbil mediante a compresión previa das páxinas web (o que supón unha dobre vantaxe ao acelerar as descargas e reducir a facturación por tal concepto).
Aínda que haxa usuarios que opten por utilizar o Opera Mini coma navegador principal, resulta máis práctico como solución alternativa nos momentos nos que non gocemos dunha conexión á Rede rápida ou non teñamos unha tarifa plana de datos.
Coa achega de Opera Mini a Android temos normalmente unha maior resolución de pantalla, o que a aplicación aproveita para unha mellor interface de uso, que conta con pestanas, marcación rápida, xestor de descargas e sincronización de favoritos entre o móbil e o escritorio.


Vídeo de presentación do Opera Mini para Android

PUBLICIDADE