Oito proxectos TIC, presentados ante investidores de toda España na nova xuntanza de Vindeira

venres, 8 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Imaxe da edición de 2010 de Vindeira Capital Network

Santiago acolleu esta semana un encontro dirixido a establecer novas alianzas e camiños de colaboración entre ideas emprendedoras e investimentos para pór en marcha e converter en realidades esas ideas emprendedoras. Estamos a falar da segunda edición do Encontro Vindeira Capital Network, evento ao que tivemos ocasión de acudir o ano pasado, tal e como reflectimos nesta web, e que, para entendérmonos, achega unha boa oportunidade para pasar das palabras aos feitos, empresarialmente falando. A xuntanza, moi ligada ao sector tecnolóxico-dixital (na organización está a plataforma Vindeira, que dá acubillo a empresas galegas deste eido produtivo), funciona a xeito de foco de atracción de apoios de capital. Ao seu acubillo déronse a coñecer proxectos galegos TIC pendentes de impulso orzamentario perante investidores de todo o ámbito estatal.
A nova edición do evento serviu tamén para anunciar o lanzamento do International Business Plan Competition, unha iniciativa da Consellería de Economía que se dirixe a pór en xogo un capital de 20 millóns de euros. A presentación deste proxecto correu a cargo de Ricardo Capilla, director xeral de I+D, quen participou no acto xunto cunhas 40 entidades, informan medios como La Voz.
En total, déronse a coñecer polo miúdo oito proxectos no hotel HN Obradoiro de Santiago, escolmados dun total de dezasete iniciativas empresariais. Por certo que a posta en marcha destas empresas TIC significaría a creación de máis de cen postos de traballo directos, ao que cumpriría engadir un bo número de indirectos. Segundo conta o dito medio galego, xa na recta final da xuntanza anunciouse a concorrencia dunha das sete empresas aspirantes a financiamento no Southern Europe Tech Tour, unha xira europea que leva os obxectivos da Vindeira Capital Network a maiores espazos de colaboración. O nome da empresa darase a coñecer este luns.
Por certo que as sete aspirantes son estas que incluímos a continuación:
· A Secret Plane (rede social profesional)
· Binaurality – escoita e aprende (aplicación para formación en idiomas)
· eLaboro (mecanización de procesos - eAdministración)
· Insati (servizos de eHealth)
· NikiNiko Mobile AR (realidade aumentada)
· Teimas (site xestión de residuos)
· TodosVecinos.com (xestión online de comunidades de veciños)
A estas propostas cómpre engadir a Live the Place, o proxecto gañador da segunda edición do StartUp Weekend Galicia.

PUBLICIDADE