Oito centros educativos da nosa terra distinguidos nos Premios Innovagal

luns, 30 de xaneiro do 2023 S. P.

A terceira edición dos Premios Innovagal, dirixidos a recoñecer e reivindicar boas prácticas en innovación educativa, saldouse con oito centros educativos galegos premiados. O obxectivo concreto, en palabras da Consellería de Cultura e Educación, é “poñer en valor o labor dos colexios e institutos que desenvolvan enfoques didácticos novidosos e promovelos como motor de desenvolvemento social”. Distinguíronse proxectos de Tomiño, Arteixo, Muxía, Carballo, Ponte Caldelas, Boiro e Folgoso do Courel. Tamén se premiou o centro docente de adultos do centro penitenciario da Lama.
Os centros galardoados na categoría A, correspondente a Infantil, Primaria, Educación especial e aos o colexios rurais agrupados son, co primeiro premio, o CRA Mestre Manuel Garcés (Tomiño), co segundo o colexio CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo) e co terceiro premio o colexio CEIP Virxe da Barca (Muxía). O CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo) recibe o accésit.
Na categoría B, correspondente a centros públicos integrados, institutos e centros públicos de educación e promoción de adultos, o primeiro premio é para o instituto IES de Ponte Caldelas (Ponte Caldelas), o segundo para o CPI Poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel) e o terceiro para o IES Praia Barraña (Boiro). O accésit recae no centro de educación e promoción de adultos do centro penitenciario da Lama, en Pontevedra.
CRA Mestre Manuel Garcés
A proposta do colexio rural agrupado Mestre Manuel Garcés, de Tomiño, céntrase na súa transformación a través da creación dunha escola aberta á comunidade, inclusiva e participativa, “onde todos teñen cabida”. A metodoloxía focalízase no alumnado, para que a súa aprendizaxe sexa activa e dinámica, desenvolva a súa autonomía, a súa intelixencia emocional, e potencie a comunicación asertiva ao mesmo tempo que se respectan os ritmos e tempos propios da infancia.
Para acadar estes obxectivos restrutúranse os tempos e os espazos, utilizando un método propio que recolle e adapta formas de traballar das metodoloxías Montessori, de Reggio Emilia, Waldorf e outras.
CEIP Ponte dos Brozos
O colexio CEIP Ponte do Brozos (Arteixo) leva anos desenvolvendo un proxecto propio, Arteixo-Innovación, que ten como piar fundamental “a formación docente para aplicar as tecnoloxías en novos procesos de ensino-aprendizaxe de maneira reflexionada e creativa”. Partindo desta base, créase unha contorna significativa de aprendizaxe a través de proxectos que xiran en torno ás novas tecnoloxías. Deste xeito, “a través da Intelixencia Artificial, a Realidade Aumentada e Virtual, a gamificación e a programación promóvese a adquisición de competencias por parte do alumnado e a integración das distintas áreas do currículo na súa aprendizaxe”, salientou o xurado dos premios.
CEIP Virxe da Barca
O proxecto do colexio CEIP Virxe da Barca (Muxía) toma o centro como unha microsociedade transformadora na que todo o alumnado se ten que sentir incluído. Para conseguilo, “reformulan a forma de traballar rompendo a inercia de aplicar metodoloxías mais tradicionais para iniciarse nunha metodoloxía activa e dinámica”, destacou o xurado, engadindo que “este cambio fomenta a autonomía e pensamento diverxente do alumnado e ten unha repercusión positiva na contorna favorecendo a participación das familias e do barrio”. Entre outras iniciativas (laboratorios creativos, patios activos...), desenvolven o proxecto Cretectura de innovación educativa pedagóxica a través da creación de espazos de aprendizaxe, que mesturan as artes e a pedagoxía para dar resposta a diversidade do alumnado.
CEIP Xesús San Luís Romero
O colexio CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo) considera que o traballo en equipo e a formación do profesorado é o camiño necesario para emprender un cambio no centro, entendendo que a Innovación trae consigo a igualdade de oportunidades, a inclusión, a igualdade de xénero e a superación de prexuízos. Para acadar estes obxectivos, o centro participa en numerosos programas que fomentan o traballo por proxectos a través de Plan Proxecta, o emprendemento dentro do programa Lanzadeiras-miniempresas, a educación emocional empregando distintos contratos-programa e a competencia dixital, a través de Digicraft.
IES de Ponte Caldelas
O IES de Ponte Caldelas desenvolve o proxecto Da terra á nube: o monte vivo, unha serie de accións coherentes e orientadas á defensa e promoción do espazo natural onde se sitúa o instituto, de tal xeito que o monte e o río Verdugo funcionan como fío condutor. A finalidade do proxecto é “familiarizar ao alumnado coa xestión do monte como un moi importante elemento económico da comarca, para o que colaboran con outras institucións, como as comunidades de montes ou o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán”.
A iniciativa comprende as accións Os meandros do río Verdugo, no que deseñaron e implementaron un sendeiro que percorre a área que teñen ao seu coidado e a participación en Plan Proxecta a través de Proxecto Ríos, Proxecto Terra e Paisaxe e sustentabilidade. Ademais, a acción Polo río vai e vén: Tralas pegadas do Volframio incorporou a investigación histórica ao proxecto sobre os espazos naturais a través dunha mina da zona e acadou un premio sobre innovación en dinamización lingüística.
CPI Poeta Uxío Novoneyra
No caso do CPI Poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel) o centro convértese nun lugar que vai máis alá do labor docente. As circunstancias especiais da localización na montaña lucense inflúen directamente nas condicións nas que se desenvolve a experiencia educativa, de tal forma que o colexio suple necesidades no eido social e cultural. O xurado destacou “a participación das familias e a implicación de toda a poboación nas actividades propostas polo centro, así como unha vocación evidente por realizar saídas nacionais e internacionais co alumnado de educación secundaria”.
IES Praia Barraña
No certame enxalzouse o traballo innovador do IES Praia Barraña (Boiro), que “segue unha metodoloxía de aprendizaxe activa arredor dunha serie de medidas que buscan mellorar o desarraigo coa tradición e a memoria, contrarrestar os efectos da educación rápida e loitar contra a radicalización dos discursos excluíntes, os malos hábitos e o individualismo”. Destacouse que o centro colabora con outras institucións, entre elas o centro de día co que desenvolven o Proxecto Amarre no que os maiores acoden ao instituto para traballar na horta escolar xunto co alumnado. “O instituto tamén oferta unha serie de actividades extraescolares que pretenden aportar unha alternativa cultural relacionada con que este instituto sexa o único centro da contorna que ten a modalidade de Bacharelato de Artes”, engadiu o xurado.
Centro de educación de adultos da Lama
“O centro educativo da prisión da Lama, malia as súas particulares circunstancias, atopou a forma de participar en proxectos europeos, como eTwinning, a través do intercambio de correo postal con outros centros tanto en España como en Italia”, salientaron os responsábeis do certame, engadindo que no tocante ás novas tecnoloxías, o centro participa no Plan Proxecta a través de Fotografía en curso, achegando aos participantes o feito de volver a sentir nas súas mans unha cámara fotográfica. Ademais, organizaron unha exposición con todos os traballos.


PUBLICIDADE