Office 2016 para Mac incorpora edición colaborativa

venres, 19 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que normalmente considérase que a suite ofimática de Microsoft para os ordenadores de Apple é inferior á de Windows, a distancia entre ambas acúrtase versión tras versión, e hoxe reduciuse a fenda entre plataformas coa publicación dunha actualización de Office 2016 para Mac que destaca principalmente por facilitar a edición de documentos entre varios usuarios en tempo real nas aplicacións Word, Excel e PowerPoint.
Outra funcionalidade moi de agradecer é o feito de que as aplicacións tamén realizarán copias automáticas dos documentos, follas de cálculo e presentacións almacenados na nube, coa vantaxe de que no caso de querer reverter algún cambio pode tirarse proveito do historial de versións dos documentos para así acceder a unha copia anterior.
As aplicacións tamén incorporaron accesos rápidos a sitios e grupos, Excel incorpora novos tipos de gráficos, PowerPoint permite recortar o inicio ou o final dun audio ou vídeo inserido nunha presentación así como tamén permite empregar o rato a xeito de punteiro láser para destacar elementos en pantalla e Outlook engadiu a posibilidade de arquivar ou borrar mensaxes cun simple xesto con dous dedos no touchpad.

PUBLICIDADE