Ocean´s renova imaxe e funcionalidades da área de clientes

mércores, 1 de abril do 2015 Redacción

A firma galega Ocean´s, operadora de telecomunicacións, vén de anunciar unha serie de melloras e novas funcionalidades no seu catálogo de servizos directos para os usuarios. As novidades inclúen unha evolución na área de clientes, “que se desenvolve para permitir dende estes intres o acceso á consulta e xestión das liñas contratadas coa empresa dunha maneira máis rápida, completa e sinxela”. Segundo engade a firma galega, trátase dunha serie de avances que decontado se unirán a outros moitos que están por chegar.
Volvendo á area de clientes e as melloras introducidas, o obxectivo das mesmas foi achegar aos usuarios unha visión máis completa do que se lles ofrece: información totalmente detallada á súa disposición. Ademais, permíteselles xestionar de maneira doada os datos persoais “ao tempo que se aposta por unha atractiva presentación que fará máis agradábel a navegación durante as consultas”. Un exemplo disto é o das consultas acerca da facturación. Así, a partir deste intre é posíbel establecer unha visión global grazas ao histórico de consumos. Por outra banda, o cliente pode facer uso do buscador para localizar unha factura concreta, comparar dúas delas ou consultar un determinado período de facturación.
Segundo engade a empresa galega, a través da área de clientes poden realizarse ao detalle solicitudes de información relativas aos consumos sobre cada un dos produtos contratados. No caso de liñas móbiles, ademais dos minutos consumidos en total, están a disposición dos usuarios datos como o número de destino, data e hora, tipo de chamada, duración de cada unha destas e informes relativos ao envío de SMS. Ademais, engade Ocean´s, o consumo de datos vén reflectido tanto nunha desagregación por días coma nun resumo que informa dos Mbps consumidos e dos que quedan por consumir. Por outra banda, en liñas fixas pode observarse o resumo de chamadas e o total de minutos consumidos, así como información ao detalle sobre cada unha das chamadas efectuadas.

PUBLICIDADE