Obradoiros de Novas Tecnoloxías para todas e todos no Concello de Ordes

venres, 6 de xuño do 2008 Raquel Noya

O Centro Comarcal de Ordes, en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información e co Concello da devandita localidade vén de anunciar que xa ten aberto o prazo de inscrición para participar nos obradoiros de novas tecnoloxías que se levarán a cabo durante todo o mes de xuño na Aula de Informática da Casa da Cultura.
Os cursos ofertados nesta ocasión para os veciños da vila coruñesa son: Iniciación á Informática (12 horas), Iniciación a Internet (12 horas), Creación de contas de correo electrónico (8 horas) e Debuxo co Paint (4 horas). As prazas están limitadas a 10 persoas por obradoiro e estas serán cubertas por orde de recepción das inscricións.
O prazo para participar nestas actividades de dinamización remata o vindeiro día 12 de xuño e os interesados e interesadas poderán inscribirse chamando ao 981 688 386 ou persoándose no Centro Comarcal de Ordes de luns a venres en horario de 10:00 a 14:30 horas.
Tamén se pode realizar a inscrición nos devanditos cursos a través desta ligazón ou ben entrando na web dinamiza.sociedadedainformacion.eu.
Ó igual que noutras ocasións, esta iniciativa da Rede de Dinamización da Sociedade da Información do PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información) é unha estratexia fundamental para o desenvolvemento das políticas de inclusión na S.I e o desenvolvemento rural.

PUBLICIDADE