O xoves desenvolverase en Compostela unha sesión informativa sobre axudas estatais a proxectos de I+D+i do sector TIC

luns, 20 de maio do 2013 Redacción

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo publicou o pasado 9 de maio as bases reguladoras da concesión de axudas no ámbito TIC e a Sociedade da Información para proxectos de investigación industrial ou experimental baixo a modalidade de subvención e/ou préstamo.
Estas ordes de axudas sentan as bases para o conxunto de convocatorias que se prevén no período 2013-2016 para fomentar o uso das TIC, para que sexan estas as que impulsen o liderado empresarial en I+D+i das empresas e que sirvan para incrementar a súa competitividade a través da xeración e incorporación de coñecementos, tecnoloxías e innovacións, servizos tecnolóxicos avanzados e de maior valor engadido.
O vindeiro xoves 23 de maio a subdirectora xeral de Fomento da Sociedade da Información do Ministerio, Mª Ángeles Barragán Zorrilla, e a directora da área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Yolanda García, explicarán nunha xunta no Centro Demostrador TIC os requirimentos das axudas aos empresarios do sector tecnolóxico e doutros sectores produtivos así como a representantes de cámaras de comercio, colexios profesionais, asociacións empresariais e de autónomos.
Precisamente o Centro Demostrador TIC, impulsado pola AMTEGA, constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego e ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos que a súa vez coñecen os produtos TIC máis axeitados para optimizar os seus negocios.
A sesión informativa dará comezo ás 11 no Centro Demostrador TIC de Galicia e a asistencia a mesma está condicionada ao aforamento da sala, logo de inscrición en liña a través da páxina web do CDTIC.

PUBLICIDADE