O xornalismo dixital galego, polo miúdo este martes no Consello da Cultura

luns, 7 de novembro do 2016 Redacción

Este martes 8 o Consello da Cultura Galega colle unha sesión de traballo colectivo sobre o potencial que achegan as TIC para o noso xornalismo cultural e, tamén, sobre os froitos que se están a dar arredor desta confluencia tecnoloxías-comunicación. A xornada Panorama de iniciativas culturais galegas na Rede tamén se encamiña, en palabras da organización, “a ofrecer unha visión actual destas iniciativas culturais na Rede, a coñecer os mecanismos que empregan para o seu funcionamento e a contextualizala no ámbito internacional”. Falarán representantes de Praza Pública, Galicia Confidencial, Sermos Galiza, Campo Galego, Teo Vivo, Que pasa na costa, Palabra Comum, A sega ou Gz Música.
A xornada comezará ás 09:45 horas cunha intervención de Joao Canavilhas, da Universidade da Beira Interior, quen tratará o Ecosistema mediático: a cultura na sociedade líquida e Hakan Casares, que tecerá o mapa dalgunhas iniciativas culurais galegas na rede.
A continuación, e logo das panorámicas internacionais e galega, serán os responsábeis das iniciativas quen acheguen as súas experiencias. Así, estarán presentes David Lombao (Praza Pública), Xurxo Salgado (Galicia Confidencial), Rocío Castro (Sermos Galiza), David González (Campo galego), Ana Conde (Teovivo), Ubaldo Cerqueiro (Que pasa na costa), Alfredo Ferreiro (Palavra Comum), Lara Rozados (A sega) e Daniel Lavesedo (GZ Música).
Nas últimas dúas sesións da tarde, Alberto Marinelli (Universitario da Sapienza de Roma) e Andreu Casero Ripollés, da Universitat Jaume I de Castellón falarán de televisión e cultura nos tempos de Internet, do “quinto poder na Rede” e de “novas estratexias e novos territorios na era 2.0”.
A xornada será retransmitida en directo a través do web consellodaculturagalega.gal e as mesas de traballo ficarán gravadas na mediateca da institución a disposición dos usuarios.

PUBLICIDADE