O xornal dixital CompostelaDiario fai reconto dos seus tres meses de vida

xoves, 29 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Para quen non o saiba, esta recta final de ano deparounos a aparición e/ou afianzamento progresivo de varios medios galegos novos, todos eles con forte presenza dixital, é o caso de Sermos Galiza, Prazapública.com ou un do que aínda non falaramos en Código Cero: CompostelaDiario. Sobre este último, dicir que se trata dunha canle centrada en Santiago que xa ten tras de si tres mes de andaina e que devagar pero con firmeza vaise asentando entre os medios en liña máis consultados na capital galega e alén dela: da media de 26 visitas acadadas nos seus comezos o pasado mes de outubro foi quen de situarse nas 50 ao mes seguinte e, hoxe en día, en máis de 100.
Asemade, superou a liña dos 1.500 visitantes diferentes, o que supón, en palabras dos responsábeis da páxina, “un dato moi importante, xa que significa que a nosa información é de interese para un grande abano de xente, e que é difundida correctamente”. Este interese da comunidade internauta polo novo medio ten aínda máis valor ao terse dado en intres de inactividade. Así no explican dende CompostelaDiario: “A estabilidade de visitas nos días nos que non foi posíbel actualizar a información nin promovela, confírmanos que conseguimos un público afianzado que vai buscar no xornal a actualidade do día por mero interese propio”.
O xornal dixital, que ten unha media de 5 actualizacións diarias, proseguirá ao longo desta festas “a pleno rendemento”, sen paróns á vista malia a focha informativa que toda festividade prolongada, é o caso do Nadal, implica.

PUBLICIDADE