O viveiro de Barro acolle en novembro catro obradoiros sobre tecnoloxías 3D

martes, 13 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

SmartPEME, a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra, vai ofrecer este mes de novembro catro accións de capacitación tecnolóxica para os profesionais, os traballadores, as PEME e os emprendedores de Barro. Os catro obradoiros sobre as máis diversas temáticas TIC (centrados en boa medida en capacitar aos asistentes na vertente máis creativa das novas tecnoloxías 3D) celebraranse no Viveiro de Empresas do Polígono local. Como lembraremos, SmartPEME oferta ás persoas emprendedoras e empresas da provincia (a través das súas oficinas de Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro) servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración e acompañamento no ámbito das TIC.
A primeira cita do mes no viveiro de Barro celebrarase o 13 de novembro ás 18:00 horas, coa acción Introdución ao deseño 3D: FreeCAD III, debuxo 3D avanzado. A segunda acción, Introdución ao deseño 3D: FreeCAD IV, debuxo 3D avanzado, impartirase o martes da seguinte semana, 15 de novembro, á mesma hora. Por outra banda, o martes 20 de novembro á hora habitual, terá lugar Impresión 3D: Arquitectura. E xa por último, Impresión 3D: Medicina impartirase o 27 de novembro á hora de sempre.
A oficina SmartPEME de Barro atópase no viveiro empresarial do polígono e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE