O vindeiro venres estreamos entrevistas en vídeo

martes, 24 de xullo do 2018 Redacción

Coincidindo co noso 17º aniversario (codigocero.com naceu o 25 de xullo do 2001) anunciamos a posta en marcha dunha canle de vídeo dedicado a recoller entrevistas e informacións sobre o mundo tecnolóxico. Periodicamente publicaremos entrevistas de persoeiros destacados do mundo tecnolóxico que nos achegarán as súas impresións e o futuro que espera o sector tanto en Galicia como no resto do mundo.
Esta iniciativa vén a complementar os nosos xa tradicionais medios como a páxina web, o boletín diario por correo electrónico que conta con preto de 3.000 subscritores e as redes sociais (con máis de 5.500 seareiros en Twitter e máis de 2.000 en Facebook), amais dos milleiros de usuarios únicos que converten o noso espazo web ano tras ano en referente da actualidade tecnolóxica.
Amais a páxina web complementa os seus contidos coa revista mensual de balde Código Cero. Cunha tiraxe de catro mil exemplares pódese conseguir en múltiples lugares do país, descargar en formato PDF desde a páxina web ou consultar a través da aplicación móbil de Magzter.
Nesta primeira entrega, que estará a disposición dos nosos seguidores o venres ao mediodía, a xornalista Laura de la Torre fala con Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), quen nos amosa as súas inquedanzas e como chegou ao mundo da informática. A gravación realizouse no Hotel Monumento San Francisco, a quen agradecemos as facilidades dadas. Tras unha pausa estival regresaremos con novas entrevistas.

A gravación da entrevista a Fernando Suárez, presidente do CPEIG, realizouse no Hotel Monumento San Francisco

PUBLICIDADE