O vindeiro martes o CDTIC acolle un seminario sobre Drupal 8

venres, 11 de decembro do 2015 Marcus Fernández

O Centro Demostrador TIC, en colaboración con AGASOL, organiza o día 15 de decembro o seminario Descubre Drupal 8, que se impartirá nas súas instalacións en horario de mañá (de 10:00 a 14:00 horas) e tarde (de 15:30 a 18:30 horas), e busca dun xeito práctico dar a coñecer as características que fan de Drupal un sistema de xestión de contidos (CMS) axeitado para o desenvolvemento de páxinas web. As persoas asistentes descubrirán os seus compoñentes tecnolóxicos, as súas funcionalidades e as vantaxes, a través de exemplos prácticos, de empregar Drupal.
O programa da xornada está dividido en dous bloques. No primeiro deles, Administración avanzada de sitios web Drupal con Drush, tratarase a xestión de tarefas de mantemento, de bases de datos e de contornas, así como a configuración da contorna de traballo. No segundo, xa centrado en Drupal 8, abordarase a evolución deste xestor de contidos, as novidades desta nova versión (en termos de tecnoloxías, seguridade, rendemento e escalabilidade, e localización e tradución), a arquitectura de contidos, os temas e a extensión de funcionalidades.
Este seminario está destinado principalmente a profesionais TIC, responsables da xestión web das empresas e autónomos que queiran crear unha páxina web en Drupal ou ben xa administran unha e desexan afondar na súa utilización e na incorporación de máis funcións. O encargado de impartir a sesión será Alberto Permuy Leal, socio da empresa Codery e arquitecto Drupal.

PUBLICIDADE