O vindeiro lanzamento da NASA será retransmitido en directo por usuarios de Twitter

mércores, 3 de xuño do 2009 Raquel Noya

A NASA, que no vindeiro mes de agosto vai lanzar o transbordador Discovery ao espazo exterior, vén de anunciar a súa intención de convidar a usuarios e usuarias da rede social Twitter para que retransmitan en primeira persoa, no marco do proxecto TweetUp, as súas experiencias e opinións en torno a esta viaxe espacial.
Logo de que os astronautas da axencia enviasen os seus propios tweets (así se chaman estas actualizacións de non máis de 140 caracteres) dende a misión levada a cabo para reparar o telescopio Hubble, agora o organismo da un paso máis alá e ten previsto “incluir cidadáns de a pé” na retransmisión da viaxe espacial, un privilexio que estará ao alcance de só uns poucos twitteiros e twitteiras.
O proxecto, que se coñece como TweetUp, fora planeado para cubrir o lanzamento do transbordador Endeavour (que vai ter lugar a vindeira semana), mais os seus responsables decidiron reprogramalo para o voo do transbordador Discovery en agosto.
A NASA, que aínda está a decidir a quen convidar e como acomodar ás persoas para que teñan un servizo de Internet de alta velocidade, cre que pode albergar a entre 100 e 150 usuarios e usuarias de Twitter e blogs, nun sitio especialmente habilitado para a ocasión no Centro Espacial Kennedy, en Florida.
A axencia estadounidense está a plantexar, asemade, se convidar ou non a persoas residentes noutros países, debido sobre todo a que as medidas de seguridade implantadas tras os ataques do 11 de setembro do 2001 en Nova York e Washington prohiben que cidadáns extranxeiros teñan acceso sen escolta ao porto espacial.
O feito de que este organismo escollera unha rede social para captar a atención dos cidadáns débese, segundo vén de explicar o nominado do Goberno estadounidense para a NASA, George Whitesides, a que “máis persoas seguen a CNN en Twitter que aquelas que a ven por televisión durante as horas de maior audiencia”.
Por exemplo, máis de 350.000 internautas seguiron as actualizacións do astronauta Michael Maximino en Twitter durante a última misión do transbordador da NASA para reparar o telescopio espacial Hubble, unha cifra que dá conta deste fenómeno na Rede.
Asemade, Whitesides indicou que se trata de “unha prioridade do presidente Barack Obama captar ao público directamente con ferramentas de redes sociais”.

PUBLICIDADE