O vindeiro curso incorporaranse 75 novos centros ao programa E-Dixgal

luns, 28 de marzo do 2022 Redacción

A Xunta de Galicia ten aberto o prazo para incorporar un total de 75 novos centros no curso 2022/23 a E-Dixgal, o maior programa de educación dixital, que conta con 55.000 alumnos participantes (o 50% do total dos cursos nos que se implanta) e que permite a alumnado do ensino galego estudar con este sistema de libro dixital durante seis cursos consecutivos.
Tras a ampliación do programa este curso aos dous últimos anos da ESO, o que supuxo case duplicar o número de estudantes beneficiados nesta etapa, a convocatoria deste 2022 trae novidades, especialmente no referido aos contidos dispoñibles para o proxecto.
Neste sentido, está prevista a licitación de recursos editoriais adicionais para 3º e 4º da ESO e tamén se presentarán os novos contidos de aulaPlaneta, cun importante redeseño tecnolóxico. Así mesmo, amplíase o catálogo da contorna virtual Dixit, que xa conta con 37 contidos innovadores a disposición da comunidade educativa.
Ademais, os centros participantes no programa E-Dixgal contarán cunha atención preferente na súa dotación de equipamento e conectividade, dentro da estratexia de execución do Plan Edu100 e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Asemade, está xa en marcha a evolución da conectividade dos centros educativos, pola que os centros públicos de Galicia contarán cunha conexión a Internet de 1Gbps, e coa cobertura Wi-Fi no 100% dos espazos docentes.

Solicitudes

Poderán participar no procedemento de selección desta convocatoria os centros educativos sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que impartan no curso 2022/23 ensinanzas de 5º ou 6º de Educación Primaria ou de ESO. Os interesados deberán presentar un proxecto e comprometerase a utilizar os materiais dixitais como referencia para o desenvolvemento curricular. Se o centro conta con libros e outros materiais didácticos dixitais poderán empregarse como complemento ou apoio. Ademais, asumirán a ampliación progresiva do programa a toda etapa, en función de se o implantan en Primaria ou en Secundaria.
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 8 de abril e o procedemento realizarase a través da aplicación habilitada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Para os centros que están a participar no proxecto E-Dixgal durante o curso 2021/2022, considerarase automaticamente prorrogada a súa participación e non precisarán realizar unha nova solicitude como consecuencia do proceso de continuidade e consolidación do proxecto.

Equipamento e recursos

Enmarcado agora na Estratexia Educación Dixital 2030, E-Dixgal naceu como proxecto experimental no curso 2014/2015 coa intención de proporcionar aos centros educativos unha proposta integral para facilitar o desenvolvemento de proxectos de educación dixital, mediante a incorporación de materiais dixitais en 5º e 6º de Educación Primaria e en 1º e 2º da ESO, desde o curso 2021/22 tamén en 3º e 4º de ESO.
Os centros e aulas Abalar contan cunha conexión de datos con velocidade nominal mínima de baixada de 100 Mbps e contan cun kit de aula dixital composto por pizarra dixital interactiva, proxector e equipo no posto do profesor e conexión á rede de datos do centro. Ademais, cada alumno conta cun ordenador ultraportátil en réxime de préstamo para o seu uso.
Os participantes no proxecto poden acceder a unha plataforma de Entorno Virtual de Aprendizaxe (EVA) na que están dispoñibles tanto contidos editoriais diversos para as diferentes etapas como o repositorio de contidos do espazoAbalar que actualmente supera os 1674 recursos. A Xunta continúa traballando na ampliación deste material.

PUBLICIDADE