O vindeiro censo dos EE.UU. elaborarase coa axuda de completos ordenadores de man

luns, 19 de novembro do 2007 Marcus Fernández

As aplicacións prácticas das novas tecnoloxías están a revolucionar a labor da oficina norteamericana do censo, que está a comezar a integrar no seu traballo uns novos ordenadores de man que agardan que eviten o gasto centos de millóns de dólares grazas ó aforro que conseguirán en tempo, papel e erros humanos durante o vindeiro censo.
Os novos dispositivos integran lectores de pegadas dixitais, pantalla táctil, GPS, conectividade sen fíos e outras prestacións xestionadas a través do sistema operativo Windows Mobile 5.0. A súa autonomía é de 10 horas e axiliza enormemente a labor dos enquisadores, xa que poden determinar a súa posición por satélite e logo transmitir os resultados mediante a rede de telefonía móbil de Sprint (empregando encriptación para garantir a súa seguridade) de xeito que se recibirán ó momento dende as oficinas centrais do Censo.
Os ordenadores de man son un produto do fabricante taiwanés HTC e esperan entregar máis de medio millón de unidades, que só poderán empregar os usuarios autorizados (que se identificarán mediante medidas biométricas).
Podemos botar unha ollada a este impresionante dispositivo no seguinte vídeo de Popular Mechanics:

PUBLICIDADE