O uso das TIC nas universidades de Galicia e Irlanda, a debate nun seminario na USC

martes, 1 de marzo do 2016 Redacción

O Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio-Novos Medios da USC, GIST, vai organizar o vindeiro 10 de marzo, na Facultade de Filosofía (salón de actos) de Santiago, unha actividade destinada a amosar as posibilidades para o estudio comparado da sociedade e o territorio de Galicia e Irlanda. No seminario Estudar e investigar en Irlanda tamén participan arreo o Departamento de Xeografía e a Asociación Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información AISTI. Trátase, sinala o GIST, de abrir un foro de debate sobre temas centrais de interese estratéxico para Galicia como son o suicidio demográfico, a planificación territorial e o uso das novas tecnoloxías da información nas universidades.
O seminario vai dirixido a estudantes, investigadores e docentes da USC, ou calquera persoa interesada en Irlanda e na Europa Atlántica, que deberán inscribirse previamente enviando un correo a gist-formacion@usc.es co seu nome completo, enderezo electrónico, estudios e situación profesional.
Segundo informan os organizadores, o evento contará coa presenza do profesor Patrick O’Flanagan, da University College Cork de Irlanda, que vai responder ao interrogante de por que Irlanda é o país europeo con maior dinamismo demográfico: o profesor Xoán Paredes tamén da University College Cork establecerá comparacións entre Galicia e Irlanda no tocante á ordenación territorial, o profesor Carlos Ferrás da USC reflexionará sobre o cambio social e económico de Irlanda nos últimos 30 anos a partir de imaxes e cartografía seleccionada, e a profesora Mariña Pose da USC presentará unha comparación sobre o uso das novas tecnoloxías nas universidades de Cork e Santiago.

PUBLICIDADE