O turismo rural de Arousa Norte pon en marcha nova web

martes, 31 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

A Asociación Rede Mar de Arousa Norte, integrada por empresas rurais dos máis diversos sectores da comarca (turismo rural, hostalería, comercio, servizos) do Barbanza comprendida entre Rianxo e Ribeira, vén de lanzar páxina web propia para dar a coñecer a súa actividade a dos seus integrantes, un por un, e máis os servizos que poñen a disposición do mercado turístico. A web, que por desgraza non está en galego (aínda que unha boa parte dos visitantes potenciais da comarca proceden da nosa terra), tamén permite consultar ofertas, os prezos dos paquetes ofrecidos e mesmo mercar aqueles que nos interesen.
En definitiva, o obxectivo da web é en boa medida o mesmo có da Rede responsable da súa posta en marcha: promover o turismo rural da zona empregando un variado abano de recursos conxuntos baseados na cooperación e máis na federación de competencias. Neste senso, a páxina habilitada é un exemplo deste traballo en común, do que abrollan xa iniciativas concretas e específicas como a colaboración coa empresa Mundi Boy (que se materializa na venda de novos paquetes), a achega de innovadores servizos dirixidos a persoas maiores ou a preparación de rutas de interese cultural, social, gastronómico ou etnográfico.

PUBLICIDADE