O tradutor Gaio recibiu 1,3 millóns de consultas en cinco meses

luns, 7 de marzo do 2016 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e Política Lingüística veñen de facer reconto da actividade do tradutor Gaio, que como lembraremos leva en activo dende finais de 2013 facilitando ao persoal da Administración (primeiro) e á cidadanía por enteiro (dende setembro de 2015) a tradución de grandes volumes de documentación, así como a tradución inmediata de páxinas web, actas, informes e outra documentación, correos e documentos completos. O reconto presentado estes días por AMTEGA e Política Lingüística refírese aos últimos cinco meses. Neste período, o servizo foi obxectivo de 1,3 millóns de consultas, que supuxeron a tradución de máis de 78 millóns de palabras.
Dende setembro, ademais, Gaio recibiu preto de 380.000 visitas que puideron acceder á tradución directa e inversa de textos e de webs en galego, castelán, portugués, inglés, francés e catalán, etc. Recordar que o servizo inclúe unha personalización de máis de 16.000 termos entre topónimos galegos, terminoloxía específica da administración, nomenclatura vinculada ás corporacións de todos os concellos, consellerías etc...
AMTEGA e Política Lingüística salientan tamén que esta versión pública de Gaio, aberta a toda a cidadanía, “benefíciase das melloras realizadas, tanto a nivel lingüístico como técnico, durante os case 2 anos que a ferramenta leva empregándose a nivel interno na Xunta de Galicia”.
Como lembraremos, Gaio está accesíbel desde o Portal da Lingua Galega, que tamén se reestruturou en setembro pasado para harmonizalo co deseño corporativo da Xunta e coas súas directrices de transparencia, seguridade e accesibilidade; completar o traspaso ao dominio.gal e “presentar a información e os servizos dunha maneira máis intuitiva e transparente para a cidadanía”, explican fontes de Política Lingüística, que engaden que o portal conta cun eficaz buscador que permite localizar os contidos de interese sen necesidade de coñecer a estrutura do web ou a organización interna da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como con filtros que facilitan a selección dos recursos axeitados ás necesidades de cadaquén entre a ampla oferta con que conta o espazo web.

PUBLICIDADE