O torneo autonómico de League of Legends pasa por Vilalba e Vilagarcía

luns, 21 de outubro do 2019 Redacción

Os Espazos Xoves de Vilalba e Vilagarcía acolleron os pasados venres e sábado cadansúa semifinal dentro do torneo autonómico do videoxogo League of Legends (LoL). O sábado a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acudiu á celebración desta fase do campionato na que participan catro equipos formados por cinco persoas cada un. A Xunta de Galicia procura con esta iniciativa promover o coñecemento, a formación e o ocio ao redor dos videoxogos.
Este proxecto pioneiro en Galicia, que está destinado a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos, estase celebrando 12 Espazos Xoves xestionados pola Administración autonómica, co fin de favorecer a participación da xuventude da zona e da contorna próxima. Este será o cuarto Espazo Xove que acolle unha destas fases.
Deste torneo clasificaranse para a final dous dos catro equipos participantes. Cada equipo está conformado por cinco mozos, dos cales unha persoa actúa como capitán. Cómpre indicar que antes do inicio de cada unha das competicións organizarase unha dinámica formativa centrada no coñecemento e uso responsable dos videoxogos.
Tras esta fase inicial nos diferentes Espazos Xove, os 16 equipos clasificados participarán nunha fase final, cuxa data e lugar de celebración será determinado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. En todo caso, esta última fase terá lugar en fin de semana e os gastos de manutención e aloxamento correrán a cargo da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE